O Concello de Tomiño organiza este mércores, 16 de agosto, unha saída nocturna para descubrir o patrimonio arqueolóxico e natural do municipio, que ademais rematará cunha actividade nocturna para falar do firmamento e das Perseidas.
A xeira arrancará ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Pinzás, e percorrerá o patrimonio de Pinzás da man do Instituto de Estudos Miñoranos. O percorrido permitirá coñecer as antigas minas de ouro romanas, os buracos dos mouros, as veigas de Pinzás e o valor da auga neste paraxe natural. Para esta actividade non é necesaria a inscrición previa.
No longo paseo por Pinzás os participantes pasarán por unha antiga explotación aurífera romana: Os Buracos dos Mouros. Trátase dunha das seis minas explotadas directamente sobre a roca que se atopan no Baixo Miño.
A andaina tamén dará conta da historia da aldea de Pinzás, habitada dende o Paleolítico, hai 200.000 ou 300.000 anos. Na zona poden ademais observarse, polo menos, catro enterramentos de hai 5000 ou 6000 anos. Son as mámoas da Casiña do Ouro, da Tomada da Igrexa de Arriba e a do Escampado dos Parcos.
Noite de estrelas
A xeira rematará facendo un alto no camiño para falar do firmamento, de estrelas e constelacións, de planetas… e das Perseidas. Aínda que o pico máximo de actividade rexistrouse na pasada fin de semana, aínda poden observase xa sen a influencia da lúa chea.
Así todo, tamén se falará das “Cousas do calendario”, dos movementos da terra e das estacións do ano, de distancias e de tempos, da velocidade da luz, dos corpos celestes e tamén das principais estrelas e constelacións da noite estival.