Rosalía de Castro fixo de Vigo un lugar único e destacado na historia da literatura galega. A urbe galega non só é industrial, senón que tamén é cultural. A súa importancia é, en boa parte, grazas a Rosalía.
Vigo é fundamental na obra da autora máis senlleira do Rexurdimento galego. En pleno corazón da cidade olívica, na rúa Real, está o edificio que acolleu a imprenta de Compañel, o lugar no que se editou e imprimiu "Cantares gallegos", o primeiro libro escrito integramente en galego.
"Cantares gallegos" é unha obra vital para a lingua e a cultura propia de Galicia. De feito, a importancia do poemario é tal que a celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio) coincide coa publicación da publicación que viu a luz en Vigo.
Este sábado conmemórase o 181ª aniversario do nacemento da autora. Co gallo desta celebración, Vigo organiza un paseo literario polo Vigo de Rosalía, unha ruta para viaxar á cidade que se atopou a figura máis importante do Rexurdimento no século XIX.
É do teu interese: A Guarda celebra a "Semana por Rosalía"
A actividade, que non cómpre inscrición previa e é gratuíta, terá lugar este sábado, 24 de febreiro, ás 11:00 horas. O punto de encontro será a oliveira do Paseo de Alfonso XII.
O paseo literario "Polo Vigo de Rosalía" levaranos a coñecer a cidade no século XIX, os cambios sociais e políticos producidos tras a Reconquista. Durante o percorrido coñeceremos o esforzo dunha elite intelectual viguesa que se ofreceu á cultura e descubriremos os lugares concretos das persoas que tiveron relación directa coa publicación de "Cantares gallegos" como a familia Chao ou Juan Compañel.
O itinerario pasará polas prazas do Peñasco e da Constitución, polas rúas Chao, Real e Oliva. Na ruta terán un lugar destacado a imprenta de Compañel, a biblioteca pública, a imprenta do Faro de Vigo ou a sede do goberno provincial.
O paseo literario polo Vigo de Rosalía será unha viaxe pola cidade dos nosos devanceiros que nos axudará a completar o relato de cidade traballadora e industrial xa que Vigo tamén foi, e é, cidade cultural.