Redondela crea os “paseos por Cesantes” para descubrir o “poder” das algas

Publicidad

O Concello de Redondela, a través da concellería de Medio Ambiente, vén de organizar unha visita guiada en Cesantes para poñer en valor, coñecer e analizar o patrimonio natural da Enseada.

Despois da polémica xurdida pola postura municipal de reducir a retirada de algas, o Concello busca agora divulgar a importancia destes organismos mariños. A decisión deste verán de preservar as algas para fomentar a biodiversidade e evitar a desaparición da area foi criticada por parte dos bañistas. Agora, Medio Ambiente organiza tres visitas guiadas para divulgar a riqueza natural e a necesidade de conservación da Enseada de San Simón, que se atopa dentro da Rede Natura 2000.

Estes paseos arrancarán no Porto de Cesantes os días 29 de agosto e 5 e 19 de setembro de 10:30 a 13:00 horas e estarán guiados por Faia Educación Ambiental.

Estes paseos polo litoral de Cesantes sobre as algas na “Intermareal”, falarán de algas, pero tamén de xeoloxía, aves, especies mariñas, plantas, arribada de residuos e elementos leñosos, etc.

Debido ao protocolo ante o COVID-19, e para garantir o aforo limitado e a seguridade, será necesario inscribirse previamente a través do correo turismo@redondela.gal, no número de teléfono do Concello ou na Oficina de Turismo de 11:00 a 14:00 e de 15:00 a 19:00 horas.

Salir de la versión móvil