A primeira fin de semana é unha boa oportunidade para coñecer os encantos e a historia da área de Vigo. Ponteareas ofrece a posibilidade de facer un roteiro que permite viaxar aos xacementos de ouro no río Tea. A actividade, organizada pola concellería de Cultura e Turismo que dirixe Hortensia Bautista, convida a participar neste percorrido que terá lugar o 4 de maio a partir das 16:30 horas.
Este roteiro dos minerais, que forma parte do programa “Coñece Ponteareas”, ofrecerá dúas alternativas para chegar a un maior número de participantes. A primeira delas é a andaina ao Castro da Croa en Ribadetea, con saída ás 16:30 horas dende a ponte de San Roque e regreso á Moscadeira. A segunda opción é coller o autobús que o concello ofrece de balde ás 17:15 horas no Auditorio Municipal ata o Castro de Croa. Ás 19:15 horas partirán desde A Croa ata a Feira dos Minerais de Guláns para visitala e logo regresar en autobús.
Todas as actividades son de balde. As interesadas e os interesados deberán inscribirse chamando ao teléfono 986 660 765 ou no enderezo electrónico turismo@ponteareas.es.