Sen plan para este verán? Se buscas unha escapada de curta duración, de balde e que ademais te permita coñecer o patrimonio dalgún dos concellos da Área Metropolitana de Vigo, acabas de atopar o que buscas. Vilas como Baiona, Tui ou Redondela veñen programar distintas visitas guiadas totalmente gratuitas aos seus conxuntos históricos e rutas xacobeas.
Descubrindo o Tui medieval e o xudeu
A vila de Tui conta cunha historia milenaria, xa que segundo a lenda foi fundada polo heroe grego Diomedes, fillo de Tideo, e na contorna do municipio existen vestixios da época paleolítica no 20.000 a.C. Ao longo da historia, pola súa localización estratéxica, foi centro de atención dos diferentes pobos e, polo tanto, conta cun amplo legado arqueolóxico e patrimonial. Por isto, a concellería de Turismo de Tui, que dirixe Laureano Alonso, pon en marcha un ano máis visitas guiadas de balde no conxunto histórico.
Existen dous alternativas históricas para descubrir a cidade: o Tui medieval e o Tui xudeu. No primeiro caso, as visitas celébranse de luns a venres, ás 12:00 do mediodía, e nelas darase conta das características e modelo de vida nunha cidade medieval. Entre outros puntos de interese, os visitantes poderán descubrir a muralla do século XII, pero tamén a anterior, da época medieval, que se sitúa na contorna das Encerradas. Segundo apunta o guía encargado das visitas, Suso Vila, "a cidade está construída en capas" segundo foi avanzando a historia, polo que pódese atopar nun mesmo punto vestixios de diferentes épocas.
Pola súa parte, as visitas ao que fora o Tui xudeu terán lugar ás 20:00 horas, tamén de luns a venres. Neste caso, darase conta da importante presenza xudía na cidade con restos coma o patio da Sinagoga ou a casa de Salomón, un modelo de vivenda con patio moi pouco común na nosa terra. De feito, "Tui conserva quizais o patrimonio xudeu máis grande de Galicia, tanto en presenza de xudeus coma de conversos", apunta Suso Vila.
Por último, as fins de semana e os festivos os visitantes poderán percorrer o conxunto histórico tudense, declarado conxunto histórico artístico en 1967 e un dos mellor conservados e máis extensos de toda Galicia.
Datos das visitas en Tui
- Duración: 60 minutos
- Punto de saída: Praza da Inmaculada
- Itinerarios:
- Tui medieval: Luns a venres, 12:00 horas
- Tui Xudeu: Luns a venres, 20:00 horas
- Cidade histórica: sábados, domingos e festivos, 20:00 horas
- Prezo: de balde
Coñecendo a "Vila dos Viaductos"
Dende o pasado 26 de xuño, o Concello de Redondela organiza, por primeira vez, visitas guiadas de balde pola vila. Ao igual que no caso tudense, pola súa situación estratéxica Redondela foi habitada dende tempos inmemoriais. Os restos en Monte Penide ou Monte Mirallo e Ventosela son os testemuños máis salientables, con túmulos e dolmens, ademais de abundantes petróglifos e gravados rupestres, nun abano temporal que abranguería dende o neolítico (4000-2500 a. C.) ata a Idade do Bronce (1800-700 a.C.). Grazas a unha presenza continuada de poboadores, que rexistrou o seu esplendor na Idade Media, o municipio conta cun importante patrimonio cultural que agora quere poñer en valor con estas visitas gratuítas.
Seguindo o itinerario histórico da nova publicación "A Vila de Redondela", explicarase, por exemplo, que a antiga Redondela estaba dividida entre Vilavella e Vilanova. Os asistentes percorrerán edificación singulares vincuadas a actividade mariña da vila dende as súas orixes e até o século XX e explicaranse os simbolos redondelás como a Coca e as súas tradicións seculares.
Datos das visitas en Redondela
- Duración: 60 minutos
- Punto de Saída: Alameda, ao carón da Oficina de Turismo onde se deben facer as reservas con 15 minutos de antelación. Grupos de máximo 25 persoas.
- Horarios: de luns a domingo ás 19:30 e 20:30 horas
- Prezo: de balde
Xoves no Camiño en Baiona
Co obxectivo de fomentar o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Baiona, o concello vén de poñer en marcha unha iniciativa de visitas guiadas de balde polo trazado peregrino. O percorrido deste tramo da Ruta Xacobea será en dirección á praza de Santa Liberata e continuará polas rúas Manuel Valverde, Conde e O Burgo, até chegar á Praza Vitoria Cadaval de Sabarís.
Aínda que o seu percorrido é lineal e de dificultade baixa, recoméndase levar roupa cómoda e protección solar para percorrer nunha hora e media, aproximadamente, os 3,5 quilómetros da ruta.
Ademais desta nova iniciativa, Baiona conta coas tradicionais visitas ao conxunto histórico entre o 15 de xullo e o 30 de agosto, que podes consultar aquí.
Datos das visitas en Baiona
- Duración: 90 minutos
- Punto de Saída: Oficina de Turismo. É necesaria inscrición previa no 986 68 70 67
- Horarios: xoves ás 10:00 horas
- Prezo: de balde