O Concello de Salceda de Caselas xunto con 14 locais hostaleiros do municipio veñen de presentar a II edición do Bocaselas, a ruta de bocadillos do municipio, que se celebrará os venres e os sábados entre o 26 de abril e o 11 de maio (ambos incluídos).
A iniciativa busca a consolidación despois éxito da primeira edición celebrada o pasado ano, na que se venderon máis de 12.000 bocadillos. Concello e sector hostaleiro van da man nesta nova edición “convencidos de que o público de Salceda e arredores volverá dar unha resposta positiva”, aseguran.
Establécense dúas rutas diferenciadas: unha para os venres e outra para os sábados, con sete establecementos participantes en cada un dos días. Os bocadillos terán un prezo de 1,50 €, podendo acollerse en tódolos locais á oferta “bocatín + caña a 2,50 €”.
Segundo explicou esta mañá a concelleira de Comercio e Turismo, Loli Castiñeira, “o Concello plantexou a iniciativa e estamos moi satisfeitos coa acollida que tivo por parte dos diferentes establecementos e coa colaboración obtida dende o primeiro momento”. Por isto, e para agradecer tamén a confianza dos clientes, haberá premios para as persoas que degusten os bocatas en varios establecementos, entrando no sorteo de vales de compra para consumir nos locais participantes.