Entre 1836 e 1950 máis de dous millóns de galegos e galegas marcharon para emprender a viaxe que os levaría a "facer as Américas". Hoxe, Galicia ten 2,7 millóns de habitantes. As cifras son abraiantes. Daquela, a nosa terra foi o territorio con maior taxa de emigración relativa en todo o continente europeo. Salceda de Caselas réndelles homenaxe agora cunha senda que leva o nome dun dos seus emigrados: Francisco Estévez Martínez. Un nome que oculta unha apaixonante historia.
Posiblemente non te soará. Pero que pasa se falamos de Martin Sheen? O actor que protagonizou Apocalypse Now de Coppola e ocupou o Despacho Oval na serie The West Wing tiña sangue galega nas súas veas. O fillo dun emigrante galego, de Parderrubias, en Salceda, que saíu na procura dun futuro nas Américas.
Con esta premisa tomamos a nova senda que leva o seu nome para afondar nunha triple historia: a do propio pai de Martin Sheen, e avó do televisivo Charlie Sheen, a da emigración galega en xeral, e a da historia e etnografía local. Esta senda de 789 metros permite desfrutar da natureza á vez que nos mergullamos na historia local. Unha senda diversa que conta até cun campo de fútbol caseiro feito polos propios veciños nunha leira próxima ao percorrido.
Ao longo de itinerario atoparémonos con cinco muíños, como o do Seixo, o do Ghurito e o do Medio. O primeiro deles é anterior a 1752, cando xa aparece rexistrado no Catastro da Ensenada, correspondente ao señorío de Don Juan Antonio Arauxo. Pola súa parte, o do Medio ten como característica diferencial o seu carácter “de herdeiros”. Aparece sempre asociado ao longo da súa historia á familia dos “Tacura” e coa figura senlleira do mestre canteiro Manuel Núñez Rodríguez.
Este sendeiro permítenos tamén sentir o drama da emigración e da propia historia galega á que se lle dedican diferentes murais ao longo do percorrido. O noso camiño irá seguindo o regato do Landres á sombra de carballos, amieiros, freixas, salgueiros, loureiros e robinias. Nas propias marxes do río medran herbas como ranúnculos, menta, lentella de auga e os xuncos.
No final, ademais dunha área de descanso atoparémonos cun característico muíño. Alí, extensas laxes graníticas permitirannos sentarnos a descansar e desfrutar do fluír da auga. A senda do río Landres conecta ademais co Sendeiro das Greas a través da Senda do Río Caselas que percorre o muíño da Salgada, a ponte da Pereira e a ponte do Picado.
Unha senda cinematográfica marcada pola arte urbana
A influencia de Martin Sheen é evidente ao longo do roteiro do río Landres. Porén, marca a diferenza con respecto a outras sendas a presenza de graffiti no comezo da mesma para lembrarnos a figura deste fillo dun emigrado galego.
Así, sorprende aos visitantes os bosquexos nunha parede próxima sen escaso valor arquitectónico. Case parece que co gallo de encaixar un edificio alleo ao espazo histórico-natural rodeado de muíños e natureza, esa antiestética construción cóbrese con imaxes de Apocalypse Now ou Badlands para lembrarnos que o fillo dun obreiro pode chegar tamén a ser un dos homes máis importantes da industria cinematográfica mundial.