A beleza de Moaña vai máis aló do verán. A vila morracense convive co encanto. Porén, continúa tras os meses de xullo e agosto co ciclo de visitas guiadas de “Descubre Moaña”, unha serie composta por cinco percorridos repartidos en sete datas diferentes co obxectivo de que tanto a veciñanza como os visitantes poidan coñecer os seus encantos naturais, paisaxísticos e históricos.
A nova entrega de “Descubre Moaña” comeza este sábado 7 de setembro. Estas rutas guiadas pola asociación A Illa dos Ratos consolídanse nun ano con datos excepcionais, que amosan o éxito desta proposta que iniciou o Concello de Moaña fai case un ano. Preto de 750 persoas participaron nos 23 itinerarios organizados a día de hoxe, cunha media de 32 persoas de media en cada unha delas.
A temporada de outono de “Descubre Moaña”, que terá lugar os meses de setembro, outubro e novembro, arrinca este 7 de setembro coa ruta “Canteiras do litoral de Moaña”. Ao longo do percorrido os asistentes descubrirán a historia que agochan as antigas canteiras do litoral de Moaña e que foron a orixe do crecemento económico e social da vila. Co paso do tempo e o desmantelamento das canteiras, eses novos espazos serviron de ubicación para novas actividades empresariais relacionadas co mar, como no caso do estaleiro ASCON ou de Conservas A Guía.
- Cando? 7 de setembro e 5 de outubro
- Onde? Canteira do Cocho (Ao carón do Colexio da Guía).
Sen abandonar a franxa litoral os roteiros levarannos á "Moaña mariñeira", que percorre a historia do municipio e as súas xentes. Ao longo deste percorrido polo litoral entre o Porto de Moaña e o Porto de Meira os asistentes coñecerán detalles dos inicios da pesca tradicional, a historia do Pósito de Moaña e a figura do seu impulsor D. Jose Costa Alonso ou algúns dos naufraxios máis importantes que afectaron as familias de Moaña.
- Cando? 22 de setembro e 19 de outubro
- Onde? Porto de Moaña e remata no Porto de Meira
A terceira ruta será por “O sendeiro da Fraga”, que nos seus catro quilómetros, que comezan na desembocadura do río na praia da Xunqueira, permitirá coñecer a importancia dos ríos, o seu ecosistema e o importante uso dos muíños. .
- Cando? 29 de setembro
- Onde? Praia da Xunqueira
A seguinte ruta afondará no aspecto histórico. “Descubre Moaña” chegará ao barrio de San Martiño. Desta vez a visita apenas nos obrigará a camiñar, xa que soamente percorreremos a contorna da igrexa. Os asistentes descubrirán a historia das casas e como apareceron aí e outros elementos propios dun dos barrios senlleiros do municipio.
- Cando? 3 de novembro
- Onde? Igrexa de San Martiño
Por último, co obxectivo de visibilizar ás “mulleres da historia de Moaña” en colaboración co Centro de Información á Muller, a zona do Porto acollerá un roteiro o domingo 24 de novembro. Desta vez porase en valor o papel da muller dentro do desenvolvemento da sociedade e a vila de Moaña. Historias que paga a pena coñecer sobre figuras importantes con nome propio como Lela Soage, Elisa de la Peña, Lola Diz ou Concepción Arenal, fortemente vencellada ao municipio, que se mesturarán con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as carreiras.
- Cando? 24 de novembro
- Onde? Zona do Porto.
Como participar nas visitas guiadas de Moaña?
Aínda que estas visitas guiadas son de balde, é preciso anotarse previamente ante o número limitado de prazas. Todas as persoas interesadas deberán inscribirse previamente no 611 08 08 53 ou a través do correo electrónico de ailladosratos@gmail.com.
A Asociación Cultural A Illa dos Ratos, encargada das visitas, conta cunha ampla experiencia na organización destas visitas turísticas en Cangas, municipio onde comezou a súa actividade en xaneiro de 2016. Na actualidade, o colectivo está formado por 14 persoas, entre as que se atopan especialistas en turismo ou educación ambiental.