Como é habitual o Camiño de Santiago diríxenos á capital de Galicia. Porén, para esta fin de semana, dende a Eurocidade Tui-Valença decidiron pechar o seu Circuíto de Andainas Saudables cunha proposta diferente.
Ao longo de dous días, o sábado e o domingo, os que o desexen poderán realizar parte do Camiño Portugués que separa a Vila Nova de Cerveira con Porriño. Até aquí todo en orde. O diferencial da proposta vén en que se fará “á inversa”. É dicir, os camiñantes sairán dende o termo municipal do Porriño o sábado para percorrer o primeiro tramo até a Vella Ponte Internacional. O domingo, pola súa parte, continuarán até rematar na vila dos artistas lusos, Cerveira.
As rutas sairán o sábado, 30 de setembro, ás 9:00 horas e o domingo, 1 de outubro, ás 10:00 horas. Ámbalas dúas dende o Centro Interfederado de Tui. Un autobús da organización retornará a Tui a todos os participantes inscritos.
Como anotarse?
Como nas andainas anteriores, é preciso realizar a inscrición previa, a través do enderezo electrónico caminhadas.andainas@gmail.com / celtasdominho@gmail.com /
clubandatui@gmail.com, cun custe por cada andaina de 5€ por persoa e de 3€ para menores de 12 anos. Os interesados deben inscribirse ata este xoves 28 de setembro.
Preciso participar os dous días?
É importante destacar que non é preciso realizar todo o percorrido xa que os interesados pódense inscribir na andaina do sábado, na do domingo ou en ambas.
Dado que serán as últimas andainas do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade, ao remate do percorrido do domingo, 1 de outubro, realizarase o sorteo, entre os que participaron en máis andainas do circuito deste ano, de comidas e ceas para dúas persoas, así como de lotes de viño.