A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá o novo impulso dado ao protocolo de colaboración entre a institución provincial e o Ministerio de Fomento relativo aos xacementos galaico romanos da provincia. Tras unha reunión entre responsables do Ministerio, da Deputación e de Patrimonio da Xunta de Galicia, a presidenta provincial amosou a súa satisfacción porque o vindeiro mes xa se van licitar tres dos proxectos de musealización. Tamén en outubro se trasladarán a Patrimonio os proxectos de musealización doutros seis xacementos e, a comezos de ano, o Ministerio presentará as propostas do resto de castros.
En concreto, segundo informou Carmela Silva, o Ministerio de Fomento levará en outubro a licitación os proxectos de musealización dos xacementos xa redactados e que se corresponden cos castros de Alobre (Vilagarcía), Toiriz (Silleda) e Subidá (Marín). “Estes tres xacementos contan xa coa autorización de Patrimonio e está previsto que, se todo vai ben, en febreiro comecen os traballos”, asegurou a presidenta.
Tamén en outubro, tal e como indicou Silva, se presentarán a Patrimonio os proxectos de musealización xa redactados para Altos dos Cubos (Tui), Alto da Cruz do Castro (Cerdedo-Cotobade), Penalva (Campo Lameiro), Adro Vello (O Grove) e Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), para que os autorice e poidan, deste xeito, licitarse.
No caso do resto de proxectos de musealización, correspondentes a Monte do Facho en Cangas, Trega na Guarda, Castro Landín en Cuntis, Monte do Castro en Ribadumia, A Cabeciña en Oia, Troña en Ponteareas e Altamira nas Neves, está previsto que o Ministerio de Fomento presente as propostas de musealización no primeiro trimestre de 2019.
A presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou a ocasión para dar a coñecer o estado dos traballos de consolidación e restauración que a institución provincial está a realizar nos xacementos de Trega e no Facho . “Levamos desde maio e, a verdade, estes xacementos nos que xa se tiña escavado anteriormente non nos deixan de sorprender, seguimos a atopar novos achados”, asegurou a presidenta provincial.
No caso de Mergelina, no xacemento do Trega da Guarda, apareceron dende maio anacos de ánfora romana, de terra sigillata itálica e unha moeda romana de bronce. “Pero o máis destacado é unha nova peza arquitectónica decorada -non habitual nos castros galegos- correspondente a unha xamba dunha porta, dos séculos I a.C. e I d.C e en moi bo estado de conservación, de entre 45 e 50 centímetros, que presenta un sogueado que enmarca un entrelazado complexo de eses”, asegurou Silva. Esta xamba, tal e como anunciou a presidenta provincial, estará no Museo Arqueolóxico de Santa Trega ao igual que o “Cabezón do Trega”, achado nos traballos de escavación desenvolvidos anteriormente pola Deputación.
A presidenta provincial explicou que no xacemento de Santa Trega está a traballar na actualidade un equipo de 9 persoas, entre profesionais da arqueoloxía e da restauración, nun espazo de 2.642 metros cadrados no que se localizan 45 estruturas en 4 sectores de restauración.
Pola súa banda, no Facho de Donón en Cangas, no que tamén comezaron os traballos a finais de maio, apareceron xa 4.600 pezas entre as que destacan catro moedas do século IV a. C. (pertencentes a un tesouro xa atopado no ano 2006), unha peza romana de colar azul de pasta vítrea, fragmentos de varias ánforas béticas e itálicas do século I a. C. e un importante número de cerámicas castrexas de entre os séculos IV e I a.C.
No caso do xacemento do Morrazo, as tarefas céntranse en delimitar a época de construción da muralla, definir unha serie de estruturas próximas a esta e continuar os traballos de restauración na zona máis alta do xacemento.