Un percorrido polo Vigo que inspirou a Manuel Antonio

Publicidad

A Concellería de Normalización Lingüística organiza o roteiro "Vigo, peirao Manuel Antonio", guiado por Xurxo Martínez González este sábado 10 de novembro. A través desta actividade preténdese dar a coñecer a figura do poeta rianxeiro e a súa vinculación coa cidade de Vigo. A reserva de prazas, hai un límite de 50, abriu o pasado luns 5 de novembro.

O percorrido para coñecer este Vigo de Manuel Antonio incluirá o Paseo de Alfonso (residencia do autor); a Praza de Calatrava, onde se falará da vida do Vigo mariñeiro e do mundo dos prostíbulos; a Porta do Sol, na entrada de Príncipe, coa sombreirería de José Mella -pai de Ricardo Mella; El Pueblo Gallego; o estudo de Urbano Lugrís; o Tamberlick e a asamblea nacionalista; o antigo café Derby (no encontro de Príncipe con Urzáiz), onde fixo parladoiro; Marqués de Valadares (casa de Álvaro Cunqueiro), o outro gran poeta das vangardas que expresou a súa admiración por Manuel Antonio; As Avenidas -no Bar Puerto- e o seu reflexo no poema Navy Bar; e o espigón, lugar onde pechará este roteiro literario.

A actividade será este sábado día 10 de novembro ás 11:00 horas. A saída será dende o Paseo de Alfonso, a carón da fonte. Os interesados ou interesadas en reservar praza para coñecer o Vigo de Manuel Antonio poden facelo a través do teléfono 986 810 281 en horario de 09:00 a 14:00 horas. O límite é de 50 prazas.

Salir de la versión móvil