Unha andaina percorrerá o legado de Casto Sampedro en Redondela e San Simón

Publicidad
A Illa de San Simón será un dos escenarios da andaina

A Consellería de Cultura, a través do seu ciclo “Monumenta. Andar con arte” chega a Redondela co obxectivo de por en valor o patrimonio cultural e natural de Galicia. Deste xeito, todos aqueles que desexen anotarse, poden participar nunha andaina de 4 quilómetros de dificultade baixa, na que se seguirán os pasos de Casto Sampedro Folgar, compilador do magno cancioneiro musical de Galicia e director-fundador do Museo de Pontevedra.

O percorrido comezará na que foi a súa casa natal (na antiga rúa do Ribeiro, agora chamada rúa de Reveriano Soutullo) para logo subir á veciña igrexa parroquial de Santiago de Redondela. A terceira parada será na rúa de Casto Sampedro, tamén en Vilavella; de alí, continuará baixando ata a ribeira do mar, onde se repasará o labor de recollida dos saberes mariñeiros de Casto Sampedro.

A andaina combina ademais terra e auga, xa que desprazará aos participantes en barco á illa de San Simón, corazón do mar de Vigo cantado por Mendiño, Martín Códax e tantos outros.

Durante as tres horas de percorrido, os asistentes contarán coas explicacións de Xavier Groba González, profesor de música no IES de Baiona e investigador especialista no estudo da música galega de tradición oral e popular, e máis Mª Xosé López e Alfonso Cheda, que farán soar a gaita e a zanfona, interpretando diferentes pezas musicais recollidas por Casto Sampedro, así como unha mostra das cantigas de Martín Códax xa na illa de San Simón.

Como participar?

A andaina comezará ás 17:00 horas do sábado, 26 de agosto, e se prolongará até ás 20:00 horas. Ten un custe de 5€ (que inclúe o billete de barco a San Simón) e está destinada a todos os públicos cun máximo de 80 participantes. A inscrición está aberta entre o 17 e o 24 de agosto na web Monumenta Galicia

Salir de la versión móvil