Unha fin de semana de visitas guiadas de balde polos petróglifos da nosa contorna

Publicidad

Se es dos que se apasiona por coñecer a nosa historia á vez que percorres diferentes espazos naturais da nosa contorna, esta fin de semana estás de en hora boa con dúas rutas guiadas e de balde que se celebrarán en Redondela e Cangas.

O sábado, 28 de abril, a Asemblea pola Unidade organiza unha ruta que nos levará polos diferentes xacementos arqueolóxicos descubertos na parroquia canguesa de Darbo, namentres que o domingo, A Citania será a encargada de guiarnos entre Redondela e Pazos de Borbén polo Monte Buxel.

Balcón do Rei de Darbo

A Asemblea pola Unidade de Cangas celebra durante abril e maio diferentes rutas guiadas coas que “botarse aos camiños para coñecer o espazo que habitamos e aprender un pouco máis de nos mesmos”. Este sábado, 28 de abril, celebrarase a segunda das rutas guiadas da man do arqueólogo Alexandre Paz, quen traballou na recuperación do xacemento da Laxe de Chan.

A visita percorrerá así os diferentes xacementos arqueolóxicos, nos que se atopan petróglifos de gran valor para discorrer polos diferentes núcleos de poboación tradicionais. A cita, para a que non é necesaria inscrición previa, sairá ás 10:00 horas do Balcón do Rei e ten unha duración aproximada de 2 horas.

Ruta pola prehistoria do Monte Buxel

Como cada último domingo de mes, A Citania organiza un roteiro polo patrimonio natural e etnográfico do concello de Redondela. No caso deste domingo, 29 de abril, os participantes poderán coñecer a historia do Monte Buxel, enclave arqueolóxico situado entre Redondela e Pazos de Borbén.

Nun roteiro circular de 6 quilómetros poderase descubrir onde se atopan tres mámoas, dous gravados rupestres, un xacemento de foxas da Idade do Bronce e mais un círculo lítico recentemente atopado.
A ruta, guiada polo arqueólogo Xurxo Constela, arrancará ás 10:00 horas dende a gasolineira de Amoedo, na estrada PO-250 e ten unha duración aproximada de 3 horas. Non é necesaria inscrición previa.

 

*Fotografía de portada: Balcón do Rei, en Darbo // Turismo de Cangas

 

Salir de la versión móvil