Até o vindeiro 7 de setembro A Guarda viaxa a 1930 en visitas teatralizadas de balde que se repiten semanalmente. Esta actividade pretende amosar a súa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado.
As visitas están realizadas pola compañía Os Quinquilláns, que percorren o centro histórico da vila. Nomeadamente, o itinerario vai pola praza da Igrexa, para continuar pola praza do Reló, a rúa Colón, a rúa Baixo Muro, a rúa José María Lomba Peña, a rúa Malteses, e o porto guardés.
Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, dan vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1930. Neste momento, coincidindo coa celebración da chegada do primeiro guardés a Porto Rico, deciden congregar á poboación no centro da vila para gravar unha película que remitirán á sociedade guardesa en América. A través deste fío condutor a compañía fai unha intensa labor de amosar os diferentes monumentos e lugares emblemáticos do centro da Guarda.
Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agocha sorpresas musicais coa intervención de músicos destacados como Paco Nogueiras ou o dúo Barahunda. Todos estes ingredientes fan desta actividade unha proposta diferente, divertida e que promete ser participativa.
As visitas teñen lugar o 27 de xullo e 3 de agoso ás 21:30 horas e o 17, 24, 31 de agosto e máis o 7 de setembro ás 21:00 horas. Podes consultar os horarios na nosa axenda cultural.