Este xoves día 5 de xullo, comeza na vila da Guarda a programación de visitas teatralizadas que se repetirá semanalmente os xoves ás 21:00h durante todo o verán ata o 30 de agosto, agás o 19 de xullo e 9 de agosto.
Esta actividade pretende amosar a historia e patrimonio guardés dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do pasado da vila. As visitas realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorrerán o centro histórico, comezando ás na Praza do Reló e seguindo polas rúas Colón, Baixo Muro, José María Lomba Peña e Malteses para rematar no porto da Guarda.
Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, darán vida a dous influentes personaxes da Guarda de 1918 cando se toma a decisión da construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, edificio que alberga hoxe as instalacións do Centro Cultural.
A través deste fío condutor, a compañía fai unha intensa labor de contar como foi o proceso da creación desta xunta organizadora en Puerto Rico. Cada unha das visitas incluirá ademais un espectáculo musical, que variará semanalmente.
O proxecto enmárcase no leitmotiv “De alén do mar para A Guarda” centrado nas conmemoracións do 100º aniversario da creación da xunta organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda. As visitas toman coma fonte o libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, obra do historiador local Joaquín Miguel Villa Álvarez.