O Club Andatui prepara xa unha das súas principais citas para os amantes do sendeirismo e do contacto coa natureza. O sábado 11 de xullo organizará a “Andainatudense Solidaria” que cumpre xa 17 edicións. En total, os “andainers” percorrerán 23 quilómetros entre algúns dos tesouros naturais de Galicia.
Os participantes comezarán o percorrido ás 10:00 horas dende a Catedral de Tui e seguirán parte do Camiño Portugués até desviarse por diferentes sendeiros para iniciar unha progresiva subida ao Parque Natural do Monte Aloia. No seu ascenso, pasarán por icónicos elementos como o “rego da pedra” e ligarán co antigo camiño dos romeiros que subían ao monte. Antes de parar para o xantar, percorrerán parte da muralla ciclópea até a capela de San Xiao.
Pola tarde, os “andainers” descenderán a través doutro tramo da muralla ciclópea para baixar ao sendeiro do regato Cotarel, atravesando o xardín botánico e pasando pola espectacular faia, unha das árbores máis senlleiras do Monte Aloia e posiblemente, aseguran dende Andatui, “a máis fermosa de Galicia”. Xa no tramo final o roteiro irá ao carón do río Tripes antes de chegar, sobre as 18:00 horas, ao paseo da Corredoira, lugar escollido este ano para rematar a XVII Andainatudense Solidaria.
En total, uns 23 quilómetros, que contarán con avituallamentos intermedios. Porén, este ano non haberá servizo de masaxes e duchas por razóns de seguridade sanitaria. No remate da Andainatudense haberá empanada e realizaranse os tradicionais sorteos de agasallos.
O prezo de inscrición é de 10 euros e ademais solicítase aos participantes que, na recollida do dorsal, entreguen un quilo de alimentos non perecedoiros que serán entregados a ONG SOS Tomiño-Baixo Miño.
As inscricións están xa abertas e finalizarán o mércores 8 de xullo ás 23:59 horas. Os interesados deben aboar no banco, ou por transferencia, o importe da Andainatudense facendo constar o nome e apelidos do participante ou participantes (Banco Sabadell: ES85 0081 2276 4700 0113 6717). Posteriormente deberán enviar o xustificante de pago, especificando o nome e apelidos do participante ou participantes ao correo clubandatui@gmail.com. Por último, poderán facer a inscrición no formulario da web. En caso dalgunha dúbida pódese chamar o número de teléfono 607 785 601 (Tato).