Unidos “pola preocupación común de levar adiante iniciativas de cooperación e solidariedade con enfoque de Dereitos Humanos”, concellos e deputacións de Galicia crearon fai 20 anos o Fondo Galego de Cooperación. Nestas dúas décadas a organización ten investido máis de 5 millóns directamente en 26 países en vías de desenvolvemento, procurando un modelo socioeconómico e culturalmente “sostible, participativo, endóxeno, e que procure a transformación social das realidades dos países empobrecidos”.
Agora, neste aniversario, na Guarda, un dos socios do Fondo, instalarase a mostra “20 anos a Fondo coa solidariedade” entre os días 1 e 10 de setembro. Os paneis da exposición permanecerán instalados na Praza do Reló para divulgar o labor realizado por esta rede de administracións locais comprometidas coa solidariedade internacional, e recoñecida como axencia municipal da cooperación galega.
O obxectivo da exposición, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro, é dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento. Para isto, os paneis que compoñen a mostra dan un repaso pola orixe do Fondo Galego e os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos, así como as actividades de sensibilización acometidas en Galicia, entre outros contidos.
O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.