Nigrán xa goza ao máximo da súa programación cultural do mes de maio. Unha desas grandes citas terá lugar este venres día 3 no Auditorio Municipal. O espazo acollerá o concerto de “A Banda da Loba”, un conxunto formado por cinco mulleres que está a revolucionar o panorama musical galego co seu primeiro disco “Bailando as rúas”.
As cinco integrantes de “A Banda da Loba” decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto. As compoñentes desta proposta musical galega destacan polo seu repertorio propio e por musicalizacións de poetas célebres como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra, así como doutras escritoras do momento.
Toda esta proposta musical de “A Banda da Loba” faixe cun estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop ou o folk. O conxunto está formado por Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión). O grupo resultou gañadora no mes de marzo de 2018 do certame “aR [r]irtmar” de música galega portuguesa coa canción “Bailando as rúas”, tema que da nome ao seu primeiro disco, disco que presentarán este venres, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Nigrán. A entrada é de balde ata completar aforo.