A nova creación do compositor goianés Andrés Álvarez estrearase o próximo sábado día 20, ás 20:00 horas, no Auditorio de Goián. Será no marco do concerto preparatorio da Agrupación Musical de Goián para o XII Certame Galego de Bandas de Música Populares, que se vai celebrar dúas semanas máis tarde no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
A obra é un encargo da banda e do seu director, Pedro Villarroel, para interpretar como obra libre no Certame. Andrés Álvarez toma como fonte de inspiración "Beltane", unha das catro grandes festividades relixiosas do calendario Celta. Esta celebración (que ten lugar o 1 de maio no hemisferio norte) conmemora o inicio da temporada pastoral de verán e festexa a renovación, a resurrección e o cambio de vida que inicia este período de cacerías, fertilidade, pastoreo, conquistas e guerras. O compositor bebe desta festividade e todo o que ela conleva para crear un novo mundo sonoro na súa obra.
Andrés Álvarez, ademais vai participar como trompetista, tanto no concerto deste sábado como no Certame Galego o 3 de novembro. Nel tamén se vai interpretar o pasodobre "Señorío de Rubiós" de Ángel Montes. Ambos compositores estiveron traballando musicalmente as súas creacións coa Banda de Goián e o seu director.