A Cabalgata de Reis percorrerá todas as parroquias de Tomiño

Concello de Tomiño

Publicidad

Comeza a conta atrás cara a noite máis máxica cos nenos e nenas como os grandes protagonistas. Co obxectivo de facerlles máis levadeira a espera, o Concello de Tomiño converterá a Praza do Seixo nun "paraíso" para os máis cativos e cativas da casa. Os vindeiros 3 e 4 de xaneiro haberá inchables totalmente de balde para o público infantil de 16:00 a 20:00 horas.

E o 5 de xaneiro Tomiño recibirá un ano máis as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Ante a boa acollida que tivo o pasado ano, neste ocasión a comitiva real volverá a percorrer todas as parroquias do municipio.

A alcaldesa, Sandra González, asegura que este modelo de cabalgata “permite que os nenos e nenas poidan coñecer de xeito máis cómodo e tranquilo ás Súas Maxestades”. Ademais, engade que os Reis percorrerán cada barrio con moita calma polo que “haberá tempo dabondo para recibir agasallos e uns números para participar no sorteo de tres patinetes, dúas bicicletas e catro bonos para a Granxa Escola Corazón de Carballo”.

A comitiva comezará ás 16:00 horas en distintos puntos do Concello e rematará ás 18:15 horas horas na Praza do Seixo, onde se celebrará a recepción dos cativos e cativas aos Reis Magos e terá lugar o sorteo de premios. Para asegurarse de que toda a veciñanza goza desta tarde festiva, as diferentes treboadas do Concello amenizarán as rúas con música dende ás 17:00 horas.

Percorrido da cabalgata

En canto ao percorrido da Cabalgata, este ano o Concello organizou tres itinerarios que pasarán por diferentes puntos de Hospital, Taborda, Piñeiro, Sobrada, Currás, Amorín, Carregal, Forcadela, San Salvador de Tebra, Santa María de Tebra, Vilameán, Cristelos, Pinzás, Vilachán do Monte, Barrantes, Vilachán, Estás, Figueiró, Goián e Tomiño.

Para realizar a Cabalgata polas parroquias o Concello contará coa colaboración da Policía local, Protección Civil, un grupo de coches clásicos e coas asociacións Estrelas da Noite, Ciklon, Revolución Show, Luces de Tomiño e Virxe do Alivio. A Concellería de Cultura convida a todos os tomiñeses e tomiñesas e aos veciños e veciñas da comarca a que participen nesta tradicional festa.

Salir de la versión móvil