A Carreira San Silvestre volta a Salceda con moita forza e solidariedade

Publicidad

A carreira solidaria San Silvestre volta este Nadal ás rúas de Salceda para cumprir xa a súa décima edición. Celebrarase o vindeiro venres 30 de decembro e comezará ás 21:30 horas. Partirá dende a Praza do Concello e percorrerá tres quilómetros por diferentes rúas do casco urbano de Salceda de Caselas.

As persoas que desexen participar deberá realizar a súa inscrición antes do vindeiro 27 de decembro as 24:00 horas. Todos e todas as inscritas contarán coa cobertura dun seguro contratado polo concello para accidentes e lesións asociados a esta proba deportiva. Para inscribirse as persoas interesadas deberán cubrir un formulario que poderán atopar no seguinte enlace dentro da páxina web da Escolas Deportivas Municipais (premer aquí).

A recollida de dorsais para os e as atletas participantes levarase a cabo entre as 19:00 e 21:00 horas do día 30 de decembro, no hall de entrada do Auditorio Municipal de Salceda, así como a recollida de leite para o Programa de Alimentos Municipal.

Entregaranse premios para as primeiras persoas clasificadas en cada categoría e para rematar celebrarase un sorteo dun agasallo para entregar entre os e as atletas participantes que se atopen presentes na entrega de premios.

O concelleiro de Deportes, Rubén González Coto, sinala que “a San Silvestre xa se ven establecendo como unha cita sinalada dentro do calendario deportivo en Salceda que xa botábamos de menos, no que a xente participa dunha forma solidaria e festiva e que agardamos se asente por moitos anos como proba deportiva senlleira na comarca”. Pola súa banda, a alcaldesa Verónica Tourón destaca que “esta carreira que se disputa nestas datas do nadal xa constitúe unha peza fundamental da nosa programación municipal para estas festas. Unha proba na que a xente goza de poder correr polas rúas do noso pobo ao mesmo tempo que apoiamos unha causa solidaria”

Salir de la versión móvil