A Orquesta Clásica de Vigo vén de presentar o programa de Correspondencias, título da primeira parte da temporada 2022, que conta co apoio do Concello de Vigo. Na presentación o responsable de programación, Manuel Martínez Torres, explicou que “cos concertos da primeira metade da tempada 2022 teremos a oportunidade de escoitar sonoridades e propostas moi distintas que manteñen unha mesma intencionalidade: abordar a vixencia da arte a través do tempo, a través da escoita contemporánea da música”.
A Clásica ofrece o seu primeiro concerto deste ano o próximo sábado 26 de febreiro, ás 20:30 horas no Teatro Afundación de Vigo. A cita con “Un entroido instrumental” será a antesala do resto do programa que a orquestra deseñou para a primeira parte da tempada 2022, que ten como fío condutor a revisión da tradición, a vixencia, a transmisión e a sinxeleza da comunicación. "En O entroido dos animais vemos como Saint-Saëns busca mostrar a tradición musical do seu momento, pois nas 14 pezas que compoñen o seu entroido emprega a metáfora dos animais para falar dos compositores da súa época. Interésanos como punto de partida da nova tempada porque nos mostra o poder da tradición e da vixencia das obras", explica Manuel Martínez.
Esta mascarada instrumental de febreiro, que funciona a modo de obertura da tempada, antecede á reflexión de Correspondencias, que lle permitirá ao público achegarse ao Mozart máis esencial para a orquestra coa sinfonía Haffner, a unha revisión da trascendencia do mesmo compositor pero desde a óptica da poesía actual galega así como a descubrir unha incrible revisión soviética da Carmen de Bizet realizada polo mellor instrumentador dos anos 60.
Programación
Un entroido instrumental: Saint-Saëns + Fauré
26/02/22 | 20:30h | Teatro Afundación, Vigo
Como antesala da nova temporada, a orquestra celebra o Entroido cunha mascarada instrumental, un concerto a dous pianos cos solistas Berta Fresco e Jorge Abreu. O programa inclúe as pezas Masques et bergamasques op.112, de Gabriel Fauré, e O entroido dos animais, de Camille Saint-Saëns.
Mozart esencial
18/03/22 | 20:30h | Teatro Afundación, Vigo
A tempada Correspondencias comeza cunha proposta clásica centrada na música de Mozart, nun monográfico no que se presentarán dúas pezas esenciais como son o Concerto para fagot e a sinfonía Haffner. Deste xeito, búscase entender a súa importancia para a consolidación do son da orquestra. Manuel Veiga (fagot) será o solista. Ademais, soarán os timbais centenarios da Banda Municipal de Música de Vigo, que a Clásica restaurou recentemente.
Retrato musical con Cintaadhesiva
09/04/22 | 20:00h Auditorio Municipal do Concello de Vigo
Retrato musical preséntase como unha continuación da anterior cita mozartiana co fin de contrastar dúas lecturas actuais sobre o mesmo compositor, reivindicando a vixencia da súa música. A Clásica compartirá escenario cos compoñentes da agrupación poético-musical Cintaadhesiva, Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada, para abordar a música de Mozart desde a óptica da poesía galega actual e do audiovisual, creando unha proposta única que toma como base a ópera Così fan tutte.
Carmen
27/05/22 | 20:30h | Teatro Afundación, Vigo
Para pechar a primeira parte da temporada a Clásica contará coa obra composta en 1967 polo artista soviético Rodión Shchedrin. Carmen é unha suite que recolle cunha inusitada limpeza e bo gusto a esencia musical e expresiva de Carmen, a inmortal obra de G. Bizet, integrándoa cunha delicadísima sección de percusión. O concerto ofrecerá a combinación entre a tradición musical do século XIX e a percusión contemporánea a través dunha exquisita orquestración.
Venda de entradas
As entradas para a primeira parte da temporada 2022 da Clásica xa están á venda en Ataquilla.com. O prezo para menores de 16 anos será de 5 euros co obxectivo de promover a asistencia do público familiar aos concertos. Ao mesmo prezo tamén estarán dispoñibles para menores de 30 anos na billeteira do teatro ou auditorio antes de cada concerto.
Abono tres butacas
A Clásica mantén aberto o prazo de compra do “Abono tres butacas” a un prezo de 40 euros. As persoas abonadas contarán cun código de tres usos que o comprador terá que introducir no momento de realizar a compra da entrada en cuestión. Así, o código é válido para tres concertos a elixir de entre toda a programación de pago deste ano ou para usar, se o desexan, nun único concerto.
As persoas que queiran contar co abono deben encher un formulario dispoñible na web orquestaclasica.com e facer a transferencia bancaria co pagamento. O abono tamén está á venda na librería Versus (rúa Venezuela, 80).