A orquestra viguesa "A Clásica" pecha o ano, mañá martes 28, coa celebración do seu tradicional Concerto Extraordinario de Nadal no Teatro Afundación de Vigo ás 20:30 horas. Baixo o título "Maldito Concerto de Nadal", o programa está dedicado ao pianista Edward Grieg e conta ao piano coa solista Berta Fresco e a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava.
O Concerto de Nadal convértese cada ano nunha data única no calendario polo seu carácter de encontro, tanto xeracional como físico, con instrumentistas residentes agora noutros países. O reencontro volve ser, e neste 2021 máis ca nunca se cabe, un motivo de celebración. A Clásica celebra a súa "festa de fin de ano" para compartir unha vez máis coa cidade de Vigo.
As entradas para esta cita coa Clásica están á venda na páxina web de Ataquilla a un prezo dende 5 ata 18 euros. Tamén estarán dispoñibles na billeteira do teatro antes do concerto e o prezo de última hora para menores de 30 anos será de 5 euros. De acordo á nova normativa da Xunta de Galicia, será preciso contar co certificado Covid ou unha proba PCR negativa para poder acceder ao concerto.
A Clásica xa está preparando a programación para o ano 2022 e, co fin de promover o acceso do público á cultura, lanzou o "Abono tres butacas", que consiste nun códio de tres usos que o comprador tan só terá que introducir no momento de realizar a compra da entrada en cuestión. O abono é valido para tres concertos a elixir de entre toda a programación de pago e ademáis é flexible e intercambiable pois, ao non ser nominativo, poderá compartirse con outras persoas ata esgotar os tres usos. Tamén pode gastarse dunha soa vez nun único concerto. O prezo é de 40 euros.
As persoas que desexen mercar o "Abono tres butacas" deben encher un formulario (facendo clic aquí) que xa figura nas redes sociais e facer a transferencia bancaria co pagamento. A Clásica tamén habilitará un posto de venda físico o día do concerto de Nadal.