A Comic Con de Moaña arranca con máis videoxogos, xogos de mesa e un karaoke

Publicidad

Dúas xornadas cunha chea de actividades. Moaña volve converterse no punto de encontro dos amantes do cómic. A terceira edición da súa Comic Con xa é unha realidade. Esta cita cultural organizada polas alumnas e os alumnos dos institutos moañeses As Barxas e A Paralaia en colaboración co Concello xa abriu as portas ás 10:00 horas deste venres. Por diante, unha programación que fai unha aposta aínda máis forte polos videoxogos e polos xogos de mesa. Ademais, unha das grandes novidades do evento será a presencia dun karaoke de pop coreano que prevé ser unha das accións estrela da fin de semana (sábado a partir das 19:30 horas.

O evento supón tamén unha labor de formación para os estudantes dos dous centros educativos de Moaña. Ese é o outro lado do evento. Que eles coñezan a dificultade, que aprendan o sentido da responsabilidade de sacar adiante un evento que se prevé que reúna nesta terceira edición a miles de persoas. De feito, nesta primeira xornada do venres haberá alumnas e alumnos de diferentes institutos da comarca do Morrazo e doutros puntos como Vigo, Mos ou Tui.

O traballo do alumnado dos institutos de As Barxas e A Paralaia xa se goza no Alto da Praza de Moaña. Na xornada do venres pola mañá, haberá actividades como a búsqueda do tesouro (11:00), un scape room (12:00), o popular xogo Pictionary (12:30) e a primeira cita da disciplina “Jugger” (12:00), unha modalidade que mestura elementos do rugby e da esgrima.

A tarde do venres tamén promete. Os fans da saga de Harry Potter poderán examinar os seus coñecementos a través dun quiz que celebrarase ás 17:00 horas. Unha hora antes (16:00), o Alto da Praza de Moaña acollerá un torneo de G-Force. Ás 18:00 horas, terá lugar un obradoiro de Goma Eva para cosplay con Yumi Cosplayer mentres que a xornada pechará cun concurso de talentos ás 19:00 horas.

A Comic Con de Moaña continúa o sábado combinando obradoiros, xogos e música. O colofón promete ser bestial para todos aqueles que se acheguen ao Alto da Praza de Moaña. A apertura da convención será ás 11:00 horas. Pola mañá o máis destacado será o obradoiro de cómic que imparta Víctor Gómez (12:00), debuxante, director e guionista coñecido polo ser o director da serie “Heavenly Hell” -dispoñible na rede social Tuenti-, “Herokids”, estreada en TVE, e autor dos cómics “Aínda lendo tebeos” para Panini Cómics e “Flushville”, onde realiza o guión para a revista “Amaniaco”.

Xa pola tarde, a recta final da terceira edición da Comic Con de Moaña acollerá obradoiros de peiteado e pelucas para cosplay con Eru E Lowel Cosplayer (17:00), Hamma (17:00) e Origami (18:00). Unha das estrelas do ano pasado, o concurso de cosplay, terá lugar ás 19:00 horas. O evento pecharase, ás 19:30 horas, coa celebración dunha das grandes novidades do ano, o Karaoke con protagonismo do pop coreano, unha actividade que abrirá The Korean Nightmares.

O concelleiro de Mocidade de Moaña, Pablo Ríos, convida "a que todo o mundo se anime a vir, que abran a mente e se deixen influir por outras culturas e outras formas de entreterse".

Salir de la versión móvil