A Deputación trae a Vigo o "primeiro Culturgal expandido da historia" na nova programación na cidade

Publicidad

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, presentou este luns a nova aposta da Deputación de Pontevedra para a sede viguesa da institución provincial con tres programas que se suman á oferta cultural. Entre eles, e por vez primeira na historia, estará a "expansión" do Culturgal, a feira máis importante de Galicia para o mundo da Cultura que se celebra cada ano en Pontevedra, e que chegará á cidade de Vigo con varias propostas que servirán de anticipo á cita na Boa Vila.

A responsable provincial, quen compareceu ante os medios acompañada pola escritora Ledicia Costas, o director de Culturgal, Camilo Franco, e o xornalista Pablo Vázquez, destacou que este ciclo é "tan importante polo seu contido como polo fondo", pois recordou que un dos obxectivos "irrenunciables" da Deputación é o de recuperar para Vigo “o seu papel como referente cultural”.

Así, o 23 e 24 de novembro, en tres sesións cada día ás 18:00, 19:00 y 20:00 horas, a sede de Eduardo Chao no Casco Vello vigués acollerá da man de Culturgal unha combinación perfecta entre literatura, poesía e música. A feira galega "estenderase a Vigo mantendo a filosofía que quere estrear este ano: o seu obxectivo fundamental é demostrarlle ao mundo que a cultura é intelixente e divertida”, expresou Camilo Franco, quen apuntou o obxectivo de que Vigo "sexa unha vez máis referente para o resto de cidades de Galicia".

Así, na primeira xornada Alba Garrido e Iría Morgade charlarán sobre memoria histórica, ás que seguirán os recitais poéticos de Iolanda Zúñiga e Velpister, para rematar coa música de Catuxa. Ao día seguinte, catro Premios Xerais falarán de literatura, María Lado demostrará que “Non fai falta ler poesía”, e Leilía encargarase do peche deste Culturgal expandido con motivo da súa xira de despedida, “Voume, pero non me vou”.

"Dixemos que a Cultura ía ser unha pedra angular na xestión desta nova Deputación, e lonxe de ser unha simple declaración de intencións, este ciclo cultural que acabamos de presentar hoxe comeza a darlle forma”, sinalou a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra para insistir en que “Vigo ten un potencial cultural inmenso, que hai que coidar, atender e mimar, porque ata agora non se facía”.

Neste sentido, referendou o compromiso do Goberno provincial de exercer de catalizador dunha cidade que, dixo, “sendo berce da Movida dos anos 80, ten pendente recuperar a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España e facer valer a súa calidade artística e de dominio cultural”.

Ademais da cita co Culturgal en Vigo, o ciclo inclúe a proposta de A Movida Literaria, este xoves ás 19:30 horas. Inma López Silva, Francisco Castro, Mª Xosé Porteiro, Pedro Feijóo e Rexina Vega participarán na sede viguesa da Deputación provincial nun coloquio sobre novela negra e social. Co mesmo formato, o 29 de novembro será a quenda de Marcos Calveiro, Ledicia Costas, María Reimóndez e Manuel Esteban, que establecerán un diálogo sobre a literatura infantil e xuvenil, a partir tamén das 19:30 horas. Dúas citas para que "a cultura en Vigo luza e brille máis que nunca", sinalou o xornalista Pablo Vázquez.

Por último, a programación tamén contará coa proposta de Ultraluz, de Ledicia Costas e Amaro Ferreiro. “Ambos os dous levarannos ao bosque de Ultraluz, nunha viaxe sensorial, unha experiencia artística exquisita que dá vida á obra de Ledicia, gañadora do XX Premio de Poesía Afundación”, anotou Tapias. Un espectáculo que terá lugar na sede viguesa da Deputación o 19 de decembro en Vigo, ás 20:00 horas, e ao día seguinte no Museo Provincial de Pontevedra.

Salir de la versión móvil