Debido á previsión de choiva para este martes, 17 de maio, Día das Letras Galegas, as actividades previstas para celebrar esta data aprázanse para o domingo 22 de maio. Na xornada dominical a Feira terá lugar no Paseo da Corredoira coa participación das librarías tudenses, Espazo Lector Nobel e Iris, que volverán saír á rúa con once postos nos que presentarán as novidades editoriais en lingua galega.
A concellería de Cultura, que dirixe Sonsoles Vicente, promove para esta xornada un amplo programa de actividades para a dinamización cultural e para a promoción do uso da lingua galega entre a cidadanía. Estas actividades está integradas na programación cultural “Tui en letras” que ao longo de maio e xuño promove o Concello de Tui coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
Así a XXIII Feira do Libro Galego será inaugurada ás 11:30 horas pola escritora Sonia Mirón, autora de novelas especialmente dirixidas ao público xuvenil, licenciada en Filoloxía Hispánica, profesora de lingua e literatura no ensino medio e titora da Uned, colaboradora como columnista na prensa e autora de reportaxes en diversos medios de comunicación.
Ás 12:30 horas Magín Blanco presenta “Caderno de cores e cancións”, unha proposta musical para público familiar nun percorrido pola creación musical e literaria das cancións. Partindo do legado dos trobadores e vencellado ás cores, o xogo axudará a descubrir un universo que nos permita comunicarnos xogando con elementos sinxelos como son as melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas.
A programación de actividades continuará ás 18:30 horas cunha actividade dirixida especialmente ao público familiar con Bea Campos, que porá en escena a obra “Os tres porquiños”, espectáculo teatral para os máis pequenos e pequenas con monicreques, teatro, xogos tradicionais e música en directo.
Ao longo da xornada diversos autores asinarán ás súas obras: Sonia Mirón (ás 12.00 h), Ernesto Iglesias Almeida (ás 12.30 h), Francisco Álvarez “Koki” (ás 19.30 h).