A Festa da Rosa celébrase co pregón do mosense Ángel Pichel, xefe de Urxencias do Cunqueiro

Publicidad

A Festa da Rosa de Mos, declarada de Interese Turístico de Galicia, celebrarase este ano cunha programación integramente dixital e cunha forte presenza da pandemia do coronavirus e da relevancia dos profesionais sanitarios e, en xeral, da sanidade pública. A programación dixital distribuirase entre o 6 e o 21 de xullo. Os actos dixitais comezarán o 6 de xullo “porque é o día que remata o loito nacional decretado en honra e memoria das persoas falecidas por COVID-19”, explican dende o Concello.

O pregoeiro deste ano é un mosense moi vinculado a esta crise sanitaria, o médico Ángel Pichel, veciño natural da parroquia de Pereiras e Xefe de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. Unha mostra da importante pegada que o coronavirus deixa este ano en todos os actos sociais.

“A pesar de que sexa unha celebración diferente, procuramos manter o espíritu da nosa festa tradicional e que o programa sexa un reflexo dos actos que viñan sendo xa un referente histórico pola súa continuidade ano tras ano”, explica a rexedora local, Nidia Arévalo. En total suman preto de 500 persoas de distintos colectivos as que participan este 2020 nas festas.

A programación en redes da Rosa 2020 incluirá todos os días de luns a venres: saúdas, participación das asociacións, vídeos, actuacións musicais, obradoiros e presentación do concurso de vídeos de rosas.

O sábado 6 de xuño haberá un obradoiro online de empanada de pan de millo e publicarase un vídeo do Torneo de Patinaxe Rosaleira. O domingo 7 publicarase un vídeo sobre o torneo de fútbol “Memorial Juan Estévez, Nené” (no que aparecerán o Club Louro Tameiga, a U.D. Mos, e o Alerta Club de Fútbol) e outro vídeo do Abrente Folk. O venres 12 haberá un saúda da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña e presentarase o vídeo oficial promocional da Festa da Rosa 2020.

O propio ‘Día da Rosa’, o sábado 13 de xuño, ás 12.00 horas, retransmitirase en directo en streaming a través da páxina de Facebook do Concello de Mos o pregón a cargo de Ángel Pichel, Xefe de Urxencias do Hospital A. Cunqueiro, seguido da intervención da alcaldesa, Nidia Arévalo. Tamén se contará ese día cun vídeo da actuación da Banda de Música Xuvenil de Torroso, un saúda e outro vídeo da actuación de Andrea Pousa.

O domingo 14 a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, saudará e haberá tamén unha actuación infantil a cargo de María Fumaça. O sábado 20 celebrarase a Xuntanza Virtual de Palilleir@s (a cargo da Asociación de Palilleir@s de Mos). E o domingo, día 21 publicarase vídeos do Festival de Corais de Asomamos, Memorial Constante Lago, e das Escolas de Patinaxe de Mos. Ese día realizarase tamén o fallo do concurso de rosas e pecharase a programación festiva coa gran Uxía Senlle.

Salir de la versión móvil