Tras o seu exitoso paso polos cinemas galegos e a piques de iniciar a súa distribución fóra de Galicia, a longametraxe documental Vigo 1972 proxectarase nas rúas viguesas dentro da programación da VII edición do Festival Internacional Primavera do Cine en Vigo.
O barrio de Teis colle o testigo de Coia, primeiro lugar no que se proxectou a cinta este pasado venres. Este sábado, ás 21:30 horas, “Vigo 1972” poderase ver á porta do astaleiro Vulcano (Enrique Lorenzo, 70). A proxección ao aire libre é gratuíta e contará coa presenza do director, Roi Cagiao. A organización do Festival Primavera do Cine achegará sillas para os espectadores.
Inluído recentemente dentro do catálogo de filmes da Consellería de Cultura “Cinemas de Galicia”, Vigo 1972 proxectarase este mesmo sábado no Centro Galego de Artes da Imaxe (A Coruña) e ao longo do mes de maio e xuño nos concellos de Mos, Nigrán, Cangas e Vilagarcía.