O Concello da Guarda, en colaboración con viveiristas e establecementos hostaleiros da vila, organiza a fin de semana gastronómica "Lamprea do Miño", que se celebrará os días 14 e 15 de abril en once bares e restaurantes.
Durante estas xornadas, poderase degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 18€, namentres que enteira terá un prezo de 50€.
Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Camping Santa Tecla, Bar Casa Aquilino, La Pìzzicata, Marbella, Marusía, O Cangrexal, Os Remos e O Roxo. Dada a larga elaboración que precisa este manxar, aconséllase reservar o prato previamente nos restaurantes.
Tras catro anos consecutivos celebrando a «Ruta do pincho da lamprea do Miño», organizada por viveiristas, pescadores, bares e restaurantes locais en colaboración co Concello, esta nova iniciativa gastronómica nace da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis descoñecidos do noso río e indo máis aló dos pequenos petiscos. Así, nesta ocasión convídase á familias e grupos de amigos a visitar o noso pobo e degustar unha preparación da lamprea óptima para o xantar ou a cea da fin de semana.
Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de ensino da Guarda participarán na xornada didáctica «Coñecedes a lamprea?», unha iniciativa que xa se realizou o pasado ano como complemento á «Ruta do pincho». Dada a boa acollida da proposta, os cativos e cativas repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en temporada.