A Guarda Diversa volve a celebrar o Orgullo por terceiro ano consecutivo

Publicidad

A concellería de Igualdade, o CIM da Guarda e Transformando Realidades organizan do 28 de xuño ao 1 de xullo o evento “A Guarda Diversa”, unha ocasión especial para celebrar o Orgullo e continuar dando visibilidade ao colectivo LGTBIQ+. As actividades arrancarán na xornada do martes día 28 coa colocación da bandeira do colectivo e coa publicación na web municipal e nas redes sociais do Manifesto a cargo do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba.

A parte central das actividades terá lugar entre o 30 de xuño e o 1 de xullo, e arrancará o xoves 30 ás 19:00h na Praza do Reló coa Mesa Redonda “A nosa Memoria tamén é diversa”. As persoas que participarán nesta mesa serán Eva Mejuto, escritora e activista LGTB, Daniela Ferrández, activista Trans, e Marcos López, comisario do proxecto “Memoria diversa” da Deputación da Coruña.

Durante a mesma departirán sobre a memoria das persoas Lesbianas, Gais, Bisexuais e Trans, temas que ata o momento quedaran fora dos estudos memorialísticos galegos. Destacan, neste ámbito, as investigacións de Daniela Ferrandez e o libro de entrevistas a maiores LGBT “Memoria Diversas” de Eva Mejuto, que centrarán a conversa moderada por Marcos López.

Continuando a programación, tamén o venres día 30 de xuño ás 21:00h, terá lugar na Praza do Reló o Espectáculo “Noite de Cabaret”, a cargo da Compañía teatral “Marinita y sus maromas”. Neste espectáculo o elenco travístese e xoga cos xestos, a interpretación, a maquillaxe, a roupa e o xénero. Reivindicando e apoderando a palabra travesti mediante os seus espectáculos teatrais, en formato de comedia musical. Números de baile, canto, transformismo, clown. Empregan a arte escénica para reflexionar sobre o xénero, xogando coas características que o definen. Normalizando os corpos e as formas de amar disidentes. Utilizan tamén o humor para caricaturizar a nosa sociedade e visibilizar o absurdo e ridículo das normas e modelos de conduta cos que convivimos.

Xa na xornada do venres día 1 de xullo, ás 12:00h terá lugar no Castelo de Santa Cruz un contacontos e un obradoiro titulado “Os Bolechas: Somos como as cores do Arco da Vella”, a cargo da Asociación Nós mesmas e dedicada a público infantil de entre 3 e 8 anos.

Para asistir ás actividades non é necesaria inscrición previa e a entrada é de balde, ata completar aforo. Máis información no CIM da Guarda, no teléfono 986 61 4648, na web municipal www.aguarda.es ou no correo electrónico muller@aguarda.es. Rógase a asistencia 10 minutos antes do inicio de cada acto.

Salir de la versión móvil