A historia do bandoleiro galego que inspirou a Valle-Inclán chega a O Rosal en formato títeres

Publicidad

Viaxar á comezos do século XX da man dos monicreques da compañía Viravolta. A Praza do Calvario do concello do Rosal prepárase para acoller un novo espectáculo ao abeiro do Primavera na Praza, “un programa co que empregar a cultura non só como actividade de lecer para a veciñanza, senón tamén como forma de convivencia e de encontro social para desfrutar do municipio”, indican dende o Goberno local. A vindeira actividade que levará a cabo dentro deste programa terá lugar este sábado 20 de maio, cun novo espectáculo de balde dirixido a todo o público a partir das 12:00 horas.

Os monicreques tomarán a praza da man da compañía Viravolta, que recreará con formas do teatro popular as andanzas que lle deron fama a Mamede Casanova, máis coñecido como Toribio de Mañón, un famoso bandoleiro galego de principios do século XX. Unhas aventuras que o levaron a rematar cos seus ósos no cárcere e que inspiraron a Ramón María del Valle-Inclán para escribir a súa obra ‘Las galas del difunto’.

Viravolta Títeres é unha compañía creada en 1982 que ten participado en numerosos festivais, circuítos e feiras, como o Salón Internacional de Teatro Infantil ‘Generation Nos’, o Festival de Teatro de Ribadavia, o Festival Internacional de Monicreques de Santiago ou a Feira Internacional de Teatro de Monicreques de Lleida, entre outros.

Salir de la versión móvil