A Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211 festexa o Día Europeo da Música, –que oficialmente é o 21 de xuño–, cun concerto didáctico no Auditorio do Concello de Vigo, o domingo 18 de xuño ás 12 horas e que conta coa colaboración do Concello de Vigo. A Orquestra bautizou este concerto co nome “De puntos e liñas” e baixo a dirección do mestre Javier Viceiro-Filgueira, convidado pola sección Xuvenil da Kv2211, realizará un percorrido ao longo da historia da escritura musical para a orquestra de cordas.
Ademais, a sección Xuvenil da Kv2211 acompañará, por primeira vez, a solistas de instrumentos de vento e percusión; concretamente de Fagot, Frauta e Vibráfono con pezas de Antonio Vivaldi, Wolfgang A. Mozart e Dimitri Shostakovich, un paso máis na aprendizaxe orquestral dos mozos músicos.
O mestre convidado da OX, Javier Viceiro-Filgueira, explica que “os obxectivos perseguidos a través deste programa son, principalmente, dous. Por unha banda, realizar unha moi breve achega aos diversos estilos musicais, a través da observación, dun xeito sinxelo, das principais características dalgúns autores representativos das etapas históricas principais”, indica. E, por outra, explorar novas sonoridades dentro da orquestra de cordas. “Coa programación de obras para instrumentos solistas das familias instrumentais de vento e percusión, os integrantes da Kv2211 deben entrar en contacto con novas variantes dos 5 parámetros técnicos básicos (articulación, afinación, dinámica, agósica e balance sonoro)”, engade.
Pola súa banda, a sección Infantil da Kv2211, baixo a dirección de José M. Fernández, abrirá o concerto, cun repertorio ameno e divertido enfocado aos máis cativos e a un público familiar. Este concerto polo Día Europeo da Música da Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211, forma parte da programación musical da Orquestra que conta coa colaboración do Concello de Vigo e que comezou en 2022 cun Concerto de Nadal celebrado no Auditorio do Concello de Vigo.
O próximo concerto terá lugar tras o verán nunha parroquia de Vigo aínda por determinar e dentro do ciclo "Música polas parroquias" da Orquestra Kv2211 co que se pretende achegar a música clásica a toda as zonas de Vigo e especialmente a familias e nenos. “Non manifesto nada novo ao falar da preocupante situación do entorno sinfónico na sociedade española. En moitas ocasións, os concertos das agrupacións sinfónicas españolas teñen lugar en salas medio cheas, froito, en parte, dun afastamento da sociedade xeral que se viu producindo principalmente a causa dunha programación de músicas de gran calidade, mais que, na súa maioría, non son entendidas”, explica Javier Viceiro-Filgueira. Por isto, “precisamos facer un grande esforzo no eido didáctico que prepare ao público en xeral para a audición das diversas tipoloxías de música”, subliña.
A Orquestra mantén aberta a incorporación de novos membros –instrumentistas de corda de entre 8 e 22 anos de idade– para comezar no mes de setembro. Con relación a proxectos orquestrais como o da Kv2211, o mestre Viceiro, cunha gran traxectoria orquestral, recoñece que “fóra do entorno académico, son de vital importancia para o desenvolvemento dos nosos músicos”. Neste senso, indica que “noso sistema educativo segue sen conceder a importancia necesaria ao desenvolvemento das habilidades necesarias para a práctica orquestral. O número de horas semanais de práctica de conxunto nos conservatorios españois continua a ser insuficiente para chegar a desenvolver satisfactoriamente as capacidades interpretativas e, aínda menos, para chegar a un adecuado coñecemento do repertorio sinfónico universal, que prepare aos nosos alumnos para competir polos postos nas agrupacións sinfónicas profesionais en igualdade de condicións cos músicos formados noutros estados europeos. É evidente que o entorno académico segue sen ser consciente de que unha importante parte do mercado laboral dos novos músicos estará nas agrupacións sinfónicas”. Todos os interesados en formar parte da Orquestra Kv2211 poden remitir un mail