A concellería de Mocidade, Benestar Social e Igualdade que dirixe Verónica Carrera presentou nos centros educativos IES do Barral, IES Val do Tea, IES Pedra de Auga, CPR La Inmaculada e CPR Santiago Apóstol a primeira programación específica para a mocidade. Grazas ás enquisas realizadas nos centros educativos a máis de 1600 alumnos e alumnas a concellería deseñou unha programación á medida da mocidade para que satisfaga as súas expectativas.
Os centros de secundaria tanto públicos como concertados coñeceron hoxe da man dos propios monitores que van impartir os obradoiros algúns exemplos de beatbox, breakdance, parkour e micro libre.
Máis de 1500 alumnos e alumnas dende 1º da ESO ata 2º de bacherelato desfrutou hoxe dunha xornada de animación cultural na que puideron comprobar que as súas suxerencias foron tidas en conta ao poder gozar ao longo deste trimestre dos obradoiros de parkour na praza da música o vindeiro 20 de abril ás 19:00 horas, de graffiti na praza Maior ás 19:00 horas o 27 de abril ou da sesión de cine “It” ás 21:00 horas na sala multiusos do auditorio municipal o vindeiro 4 de maio.
“Sempre seguindo a liña da participación dende a concellería que dirixo preferimos facer primeiro unha consulta entre os receptores das actividades para ofrecer no programa actividades do seu gusto e a súa medida e así este primeiro programa Mocidade Viva responde ás peticións solicitadas pola maioría dos participantes”.
As actividades do programa de Mocidade Viva seguen o 11 de maio ás 19:00 horas co obradoiro de beatbox, micro libre (rap) e personalización de gorras no parque da Feira Vella. O día 18 de maio tamén no parque da Feira Vella obradoiro de slackline as 19:00 horas. O 1 de xuño xornada de calistenia e parkour no streetworkout Park móbil no parque forestal Ferro Ucha ás 19:00 horas e xa, por último, ás 18:00 horas na praza Maior xincana para a mocidade e festa final.
Esta iniciativa permite á mocidade participar de balde nos obradoiros que se impartirán tendo ocasión de achegarse ás tendencias da cultura urbana sen ter que desprazarse da súa vila nin afrontar gastos.
Grazas á xestión económica do goberno actual que liquidou as principais débedas e conseguíu sanear a contabilidade agora pódense por en marcha iniciativas coma esta facendo que a mocidade sexa protagonista na elección do programa cultural dirixido específicamente a eles e que poida satisfacer na súa cidade a súa curiosidade cultural e de tempo de lecer.