O mes de xullo arrancará coa inauguración da 38 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), que encherá de teatro a vila ao longo de dez días. Entre o 1 e o 10 de xullo, Cangas será escenario de máis de 20 espectáculos co obxectivo de que veciños e visitantes poidan gozar do mellor teatro cómico feito dentro e fóra de Galicia.
Nesta edición haberá catro estreas absolutas, tres delas coproducidas pola MITCFC (‘Isolada’, ‘Abradacaver’ e ‘Cantingjo’), unha estrea en España (‘Espécies Lázaro’) e nove estreas en Galicia (‘La Xirgu’, ‘Secretos de alcoba’, ‘La señorita doña Margarita’, ‘El viento es salvaje’, ‘Al otro lado’, ‘Comando señoras’, ‘Ritos de amor y guerra’, ‘Water falls’ e 'A Contenda do Río Miño'). Entre os espectáculos que se poderán ver en Cangas atópanse dous que recibiron en 2020 Premios Max: ‘El viento salvaje’, Mellor Espectáculo Revelación, e ‘Al otro lado’, Mellor Espectáculo de Rúa.
Esta edición da MITCFC, cuxo cartel é obra do pintor, ilustrador, actor e director teatral Leandro Lamas, comezará o día 1 de xullo coa inauguración dunha exposición documental e unha homenaxe a Xosé Manuel Pazos Varela, alcalde de Cangas finado en xaneiro deste ano. Trinta e oito anos despois de que Pazos, xunto a un pequeno grupo de persoas con xiria, idease e crease esta Mostra, “queremos facer un recoñecemento á súa persoa e ao seu labor, a través dunha sinxela homenaxe composta por unha exposición documental e un acto lúdico no que estarán presentes as artes que tanto amou, teatro, danza, poesía, música... e a súa xente”, explica a organización. Podes consultar o programa completo facendo clic aquí.
O pregón, que se celebrará o venres 2 de xullo, correrá a cargo do actor Fran Paredes. Nado en Moaña aínda que veciño de Cangas desde hai anos, Paredes traballou en numerosas obras de teatro, así como en cine e televisión, con intervencións nas serie ‘O Faro’, ‘Fariña’, ‘El desorden que dejas’ ou ‘O sabor das margaridas’.
A organización da XXXVIII MITCFC concede o Premo Xiria ao Labor Teatral ao narrador, xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en recoñecemento “ao seu importante labor” como xornalista cultural e, particularmente, polo exercido como crítico teatral en xornais e medios de comunicación de Galicia e co que demostrou, ao longo de tantos anos, “un empeño extraordinario por dignificar o teatro galego”.
As Xornadas Mulleres en Acción chegan este ano á súa 21 edición cunha programación que tratará, un ano máis, de potenciar e dar visibilidade ao traballo das mulleres dentro da cultura e, en concreto, das artes escénicos. Os actos inclúen exposicións, obradoiros e charlas-coloquios. Este ano, a organización decidiu outorgarlle o Premio Mulleres en Acción a Margarita Ledo Andión, en recoñecemento ao seu labor como escritora, cineasta, investigadora e docente. A organización da Mostra concédelle esta galardón “por apostar, no ámbito académico, por una educación en comunicación audiovisual con perspectiva de xénero. E, como cineasta, por utilizar o ollo da cámara ao servizo do corpo e da realidade das mulleres”.
Prezos
Os espectáculos programados no -Auditorio terán un prezo de 8€, agás os programados os días 5 e 7 de xullo, que terán un prezo de 5€. Os espectáculos programados na sala da exposicións do Auditorio terán un prezo de 5€, e os espectáculos nas rúas e prazas terán un valor simbólico de 1€, sendo preciso dispoñer da entrada con anterioridade ao comezo da función.