A Mostra de Teatro chegará a Cangas en xuño con cinco estreas e 50 eventos: prezos e programación

MOSTRA INTERNACIONAL DE TEATRO CÓMICO E FESTIVO DE CANGAS

Publicidad

A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) celebra este ano a súa 40 edición e faino enchendo a vila de teatro durante 14 días. Desde o 25 de xuño até o 8 de xullo, Cangas acollerá teatro, danza, coloquios, presentacións, e exposicións, todo arredor das artes escénicas e do humor.

Os espectáculos terán lugar no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, nas rúas, prazas e outros lugares habilitados, que acollerán durante dúas semanas un total de 50 eventos. "Iso só é posible grazas ao esforzo e á implicación de moita xente”, afirmou a directora artística da Mostra, María Armesto.

A 40 Mostra, que arrancará co pregón do actor Lois Soaxe, inclúe este ano cinco estreas absolutas, catro estreas en Galicia e tres coproducións.  Entre as estreas absolutas atopamos "Entrega en man" (da compañía Contraproducións), unha versión galega dirixida por Cándido Pazó dunha comedia “denegrida” do director de cine e dramaturgo inglés Martin McDonagh; "A mesa", da Escola de Teatro de Cangas, un texto de Clara Gayo, Zé Paredes e Carlos Santiago dirixido por Sonia Rúa; "Hoxe si!", de compañía galega de clown e circo Sempre Arriba, un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea e, sobre todo, moito humor; "Glamping" (compañía SU.MA), unha pezo de teatro xestual, música, acrobacia aérea, danza e swing en clave de clown; e "Menú do día", na que o colectivo #ChamizoBelloVila, tece unha historia que compara odio e disidencia, tristeza e aceptación. A primeira creación deste colectivo transita entre as violencias que sofre o colectivo LGTBIQ+.

"Entrega en man" é "Menú do día" son dúas das tres coproducións da Mostra. A outra é "¿Qué es el agua?", unha peza da compañía La Soledad (Cataluña-Arxentina) inspirada na obra do escritor David Foster Wallace que toma o mar como escenografía e como banda sonora. En Cangas, o espectáculo representarase entre na contorna da Lagoa da Congorza, en Punta Balea, un acto que servirá para reclamar a recuperación desta contorna. A banda de gaitas canguesa de Tromentelo e a Escola de Teatro de Cangas colaborarán na posta en escena deste espectáculo.

Estreas en Galicia

A XL MITCFC ten programadas cinco estreas en Galicia. Unha delas é "El avaro", unha obra do dramaturgo francés Molière que pon en escena a compañía Atalaya cun elenco de oito actores e actrices entre as que se atopa Carmen Gallardo. Outra das estreas en Galicia é "In petto". Para esta creación, a compañía belga Okidok redescubre o traballo dun dúo de pallasos non verbal, guiado por un teatro xestual cunha estética asertiva.

A Mostra tamén suporá a estrea en Galicia da obra "Contracciones" de Producciones Come y Calla. A obra explora a invasión crecente das grandes compañías na intimidade dos seus empregados. As actrices Candela Peña e Pilar Castro protagonizan este espectáculo que, partindo desde unha realidade distópica, considera até onde se é capaz de chegar para conservar un posto de traballo.

A última obra que se estreará nesta 40 Mostra en Cangas é o espectáculo de rúa "Camino del Paraiso", (Guirigai Teatro, Estremadura). Trátase dunha comedia satírica que transcorre nunha vila no Camiño de Santiago con tres pícaros peregrinos como protagonistas. A obra reflexiona en clave de humor sobre as actitudes dos peregrinos a Santiago de Compostela nunha época de bruxerías e supersticións.

Outro dos espectáculos que se estrearán en Galicia é "Los días ajenos de Bob Pop", un espectáculo de voces e memoria creado e interpretado por Bob Pop a partir dos seus libros 'Días ajenos'. O público poderá ver un collage de experiencias da man, a mirada e empatía dunha das personalidades máis transgresoras e mordaces dos últimos anos. Esta obra, que xa estivo programada na anterior edición da Mostra, tivera que ser suspendida por mor da Covid-19.

Premio ‘Xiria’ a Tanxarina

O Premio ‘Xiria ao Labor Teatral’ desta 40 edición da Mostra será para a compañía galega de monicreques galega ‘Tanxarina’, que este ano tamén celebra os 40 anos de traxectoria artística. Deste xeito, a MITCFC recoñece a súa “longa traxectoria comprometida co teatro de títeres e de obxectos, ao que dignificaron e popularizaron cun traballo exquisito e en constante evolución”.

Amelia Tiganus, Premio Mulleres en Acción

Outros dos premios relevantes da MITCFC é o ‘Premio Mulleres en Acción’. Este ano, o galardón será para a escritora e activista feminista Amelia Tiganus. A organización da Mostra outórgalle este premio “pola súa valentía, compromiso e determinación en combater a trata e a explotación sexual de mulleres e nenas”. Ademais, recoñécelle “o seu infatigable activismo feminista e abolicionista para conseguir unha sociedade libre de prostitución, violencias e agresións exercidas contra as mulleres”. A MITCFC destaca que se trata dun “referente indiscutible” non só para as mulleres prostituídas, senón para todas as que loitan “por ser donas de si mesmas e do seu propio corpo”.

Torneo de Dramaturxia

Un ano máis, a Mostra organiza o Torneo de Dramaturxia de Galicia, que este ano chega á súa sétima edición. Este torneo realízase en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG) e da Asociación Profesional DramaturGA. O VII Torneo celebrarase o martes 4 de xullo, a partir das 22:30 horas, no Auditorio. Os combatentes desta edición de 2023 serán Deborah Vukusic (actriz, escritora e directora), Ana Abad de Larriva (actriz e creadora escénica), Manuel Cortés (dramaturgo e poeta) e J. L. Baños de Cos (docente teatral e dramaturgo). Un ano máis, Esther F. Carrodeguas será a mestra de cerimonias.

Abonos para as obras do Auditorio

Entre o 15 de maio e o 11 de xuño estarán á venda os abonos para asistir ás funcións que este ano serán representadas no Auditorio. O 12 de xuño xa estarán dispoñibles a través da plataforma de A Taquilla as entradas individuais. Ademais, a billeteira do propio Auditorio estará aberta os días de función desde dúas horas antes de comezar o espectáculo. O importe do abono é de 70 euros, o que supón unha rebaixa de 10 euros con respecto ao prezo de todas as entradas mercadas de xeito individual que é de 10 euros cada unha.

Consulta a programación completa, obras, datas e horarios a través de la páxina web da MITCFC (clic aquí).

Salir de la versión móvil