Marta Ortega e a Universidade de Vigo colaboran no apoio ós novos artistas

A exposición poderá visitarse na Coruña ata o 28 de febreiro. Foto: Mathieu Ridelle/Peter Lindbergh-Untold Stories

Publicidad

Co obxectivo de impulsar aos novos e novas artistas no inicio das súas carreiras, a promotora da exposición Peter Lindbergh – Untold Stories financiará o proxecto Future Stories, dirixido a apoiar a execución e exposición de proxectos artísticos seleccionados entre os alumnos de último curso da Facultade de Belas Artes. Así se recolle no protocolo asinado este xoves por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e José Arnau, en representación de Marta Ortega, na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, nun acto que contou tamén coa participación do vicerreitor Jorge Soto e os vicedecanos Araceli Liste e Carlos Tejo.

Como recolle este protocolo, que se traducirá posteriormente nun convenio específico, a financiación do proxecto Future Stories procederá dos ingresos xerados a través da venda de merchandising e as achegas voluntarias dos visitantes a este proxecto.

A Facultade como “factoría xeradora de artistas”

“Enormemente agradecido porque pensaran na nosa Facultade de Belas Artes” amosouse o reitor trala sinatura deste protocolo, que permite tamén, sinlalou, pór en valor “o papel da facultade como un referente a nivel autonómico”. Nese senso, Reigosa destacou o traballo desenvolvido polo centro para a realización de “distintas propuestas” para este proxecto, das que a finalmente elixida “permítenos que o alumnado que sexa seleccionado poida ter unha entrada ao mundo profesional cunha proposta artística relevante e unha gran presentación ao público”.

“A relevancia que este convenio ten para a facultade é grande, polo que representa de apoio á súa tarefa formativa e ao potencial artísticos dos seus alumnos”, engade o decano, Xosé Manuel Buxán, que non puido estar presente na sinatura deste xoves. Que Marta Ortega, “a partir dun proxecto expositivo da envergadura de Untold Stories, pensase na facultade é para nós un enorme orgullo”, sinala Buxán, que destaca como esta iniciativa pon de relevo “o que representa Belas Artes no contexto galego”, como unha “factoría xeradora de artistas”.

Future Stories

As e os artistas que se forman actualmente no centro serán nese senso os destinatarios de Future Stories, un proxecto cuxos detalles, como explica Buxán, “perfilaranse nas próximas semanas”. De calquera xeito, sinala o decano, o punto de partida no que concordan ambos partes é a necesidade de “apoiar os novos artistas na súa primeira etapa tras finalizar os seus estudos na facultade”. Nese senso, Future Stories que, comprenderá unha fase de selección dos seus beneficiarios e beneficiarias, outra de desenvolvemento dos proxectos artísticos e unha final de exposición, terá como punto de partida os traballos de fin de grao (TFG) presentados polos estudantes, “que son unha especie de liña de saída cara a vida profesional, cara o seu futuro artístico”. Como sinala Buxán, trátase de “proxectos persoais”, que constitúen un “traballo máis maduro, que expresa o mellor de cada estudante”.

Untold Stories

Inaugurada o 4 de decembro, a exposición que fai posible este proxecto co alumnado da facultade, Peter Lindbergh – Untold Stories, chegou a Galicia grazas ao empeño persoal de Marta Ortega, amiga do fotógrafo, e a colaboración da Lindbergh Foundation. Trátase dunha exposición que reúne máis de 160 fotografías, realizadas entre a década de 1980 e 2018, que o propio Lindbergh comisariou antes do seu prematuro falecemento. Emprazada nunha nave industrial reconvertida no porto de A Coruña, a exposición permite, como destaca a organización, aproximarse “á obra do lendario fotógrafo desde perspectivas novas e insólitas”, propondo un percorrido polas “catro décadas da súa extensa carreira, durante as que inmortalizou a algunhas das mulleres máis famosas” do mundo da moda e do cine. Con acceso gratuíto, a exposición complétase á súa vez cun programa educativo, elaborado coa colaboración da Universidade da Coruña e de diferentes artistas visuais.

Salir de la versión móvil