A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, abrirá este xoves día 1 de abril a exposicíon ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’. Trátase dunha mostra que pretende reivindicar a memoria das vítimas do golpe de Estado de 1936 cunha escolma da historias de represión sufridas por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.
Esta exposición estará a disposición do público ata o día 21 no Multiusos da Xunqueira, de luns a vernes de 08:30 a 14:30 e de 16:00 a 22:00 horas e sábados e domingos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas. A deputada de Memoria Histórica María Ortega, impulsora da mostra, destacou que ‘Rexas’ pretende manter nun primeiro plano a memoria das persoas perseguidas, asasinadas, encarceradas e represaliadas e contar a verdade, por xustiza e por reparar e dignificar. “‘Rexas’ pon o foco nas mulleres que, pola súa condición, sufriron unha dobre represión, a motivada pola súa ideoloxía e filiación, e as vexacións de corte sexista, sendo rapadas, agredidas sexualmente ou obrigadas a bailar espidas diante da xente. Elas sufriron un maltrato máis duro que os seus homes tras o alzamento, xa que ademais de soportar os asasinatos das súas persoas máis achegadas, o réxime tamén as castigou sen poder choralas”, asegurou.
A exposición está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tratadas “como menores de idade ou sempre dependentes de varón”, subliñou Ortega.
A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademáis foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.
Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a “recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria”, finaliza a deputada.
43 mulleres da comarca de Vigo e do concello de Redondela
En total, “Rexas” fala de 172 mulleres con inclusión de historias de todas as comarcas da provincia. A selección mestura nomes máis coñecidos como os de Urania Mella, María Gómez, Josefa García Segret, Placeres Castellanos ou Josefina Arruti, con outros máis anónimos, na maioría de perfil humilde, que tiñan máis risco de ficar no esquecemento. Así, xunto as mulleres máis fáciles de atopar na bibliografía da temática, inclúense biografías ata o de agora inéditas como a de Dolores Buján (Cuntis), Asunción Berea (Marín) ou Elena Valverde (Porriño).
Entre as 43 mulleres da comarca de Vigo que se citan, figura a historia de Emilia Cabaleiro Amoedo, labrega de Cabeiro (Redondela), asasinada aos 54 anos. Un veciño seguiuna cando ía co seu fillo Antonio levar comida a catro homes de Vigo a Lavadores, onde estaban agochados nunha cova, e delatouna. Despois de sometela a abusos sexuais e torturas, asasinárona, igual que ao seu fillo e os catro fuxidos. A memoria oral conservou que lle cortaran os peitos e lle meterán na boca os xenitaiss de Antonio.