A música de Cabo Verde chega a Tomiño

Publicidad

O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, actúa esta fin de semana en Tomiño, iniciando así unha nova xira por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión. Será na Praza do Seixo este sábado 6 de xullo, ás 22:000 horas, no marco do programa municipal ‘O son da praza’.

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que vai intercalando entre eles breves explicacións. O grupo reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións. En Tomiño, A Guarda, A Laracha, Trives e Narón terán oportunidade de comprobalo este ano.

Dar a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego é outro dos obxectivos desta actividade de sensibilización, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Desde 2002, a asociación de administracións locais promoveu nas illas máis de 30 proxectos en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.

Salir de la versión móvil