A música de Caspervek inaugura este mércores a quinta edición do Galician Freaky Film Festival

Publicidad

Por quinto ano consecutivo, a nave do Galician Freaky Film Festival aterra en Vigo para ofrecer o mellor do cinema galego e mundial. O certame leva catro anos crecendo e consolidándose como o festival de cinema máis divertido da cidade, no que o terror, a serie B, as pelis de culto, a parodia e o humor se encontran co seu público, que decide as súas favoritas a través dun aplausómetro.

A primeira parada será o Auditorio do Concello, este mércores 29 ás 19:00 horas. O acto de inauguración consistirá na proxección e musicalización en directo de Haxän, un filme danés do director Benjamin Christensen que neste ano cumpre 99 anos desde a súa estrea. Trátase dunha obra clave da historia do cinema, revolucionaria por mesturar o documental coa ficción, á que se lle engade o compoñente de desfrutar en directo dunha peza composta por e para a ocasión. A atmosfera na que nos somerxerá un ano máis Caspervek Ensemble permitiranos experimentala como os nosos antepasados hai un século. As entradas están á venda na billeteira do festival.

Caspervek escribiu a Banda Sonora para Häxan como un encargo do Museo Nacional de Arte de Estonia no ano 2015. Con motivo do Galician Freaky Film Festival o grupo realizou unha revisión da banda sonora orixinal, neste caso para un quinteto formado por frauta, clarinete, saxofón, percusión e piano. Para esta ocasión Caspervek Ensemble estará compoto por Brais González ao piano e Blas Castañer á percusión, compoñentes habituais que estarán acompañados por Laura Lorenzo (frauta), Tonio Comesaña (clarinete) e Andrea González (saxofón).

Häxan, un filme controvertido

Häxan ou A bruxería a través dos tempos é un filme estreado en 1922, do director danés Benjamin Christensen dividido en sete partes, cada unha das cales narra unha historia diferente, nun percorrido pola historia da bruxería e o culto ao demo desde a Idade Media ata os modernos anos 20.

O cineasta vincula a persecución da bruxería coa represión masculina do desexo feminino e constrúe unha obra marcadamente anticlerical que escandalizou e foi prohibida en moitos países. A mezcla de documental e ficción, e a liberdade coa que se mostra un amplio repertorio de imaxinería sexual, violenta e sacrílega, moi inusual para a época, converten o filme nun produto anómalo, e polo tanto nun claro xermen do fenónemo de cine de culto.

Catro días de cinema freak

Tras o acto de inauguración, a acción trasladarase á Sala New Videodrome (Joaquín Loriga, 9), onde o mesmo mércores proxectarase Evil Dead, a primeira parte da icónica saga de terror homenaxeada no cartel do GFFF deste ano.

A programación continuará ata a tarde do sábado 2 de outubro. Na grella deste ano atopamos 11 bloques de curtametraxes, a proxección de Evil Dead II, presentacións de libros e audiovisuais, unha mesa cadrada sobre mulleres na industria freak e outra sobre festivais híbridos. Catro días para revivir o espíritu freak dos vigueses (consulta o programa completo).

O Galician Freaky Film Festival

Despois de catro anos, o certame regresa unha vez máis á cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O máis abraiante e esperpéntico da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo. A quinta edición celébrase no espazo MUTA (Vigo), do 29 de setembro ao 2 de outubro.

O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube.

Salir de la versión móvil