En 2020, a situación sanitaria obrigou a cancelar a sexta edición do Son do Pazo, pero o Festival Intercéltico volve a Mos esta fin de semana con dous días de festa, baile e música galega de raíz. A organización adaptou o formato para manter a esencia do festival, con concertos gratuítos protagonizados por artistas e bandas de referencia, pero adaptados plenamente ás normas e recomendacións sanitarias. Para cumprir coas limitacións de aforo, foi preciso establecer un sistema de reservas para a noite do sábado e as entradas voaron en apenas unhas horas, pero o resto de actividades serán de acceso libre para o público.
A programación arranca na contorna do Pazo de Mos este venres 24 de setembro, a partir das 21:00 horas, coas actuacións da Banda de Gaitas do Casco Vello de Vigo e o grupo Fillos d’Pile. A súa música marcará o inicio dunha foliada aberta á participación de toda a xente que se anime a tocar e bailar. O sábado 25, a festa comezará xa en horario de sesión vermú, ás 12:30 horas, cos concertos de Cé Orquestra Pantasma e Acordeireta, e prolongarase despois das seis da tarde cun obradoiro aberto de baile galego a cargo de Artur Puga e a actuación da banda de gaitas anfitrioa, Airiños do Castelo.
A noite do sábado concentrará a actividade no escenario principal. O grupo mosense Lagharteiras, Fiandola e Pelepau figuran este ano como cabezas dun cartel moi animado. O recinto da festa estará cuberto por unha carpa e o público contará con cadeiras e mesas para gozar comodamente tanto do espectáculo como da comida, que se poderá adquirir no propio bar do Festival. A organización está a preparar, ademais, un ’bailódromo’ para todas as persoas que desexen moverse ao ritmo da música, respectando sempre os protocolos establecidos. O Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, entidade organizadora do evento, "anima a toda a veciñanza e ás persoas que se queiran achegar a gozar da festa de maneira responsable para seguir afianzando ao Son do Pazo no calendario dos grandes festivais galegos".