A música galega de Sondeseu abre o Pacto de Tui

Publicidad





A música volve ser unha ponte para unir territorios. É o aspecto positivo de cultura. Con ela, as fronteiras non existen. O Pacto de Tui, festa que conmemora o acordo acadado entre España e Portugal en 1137, apela precisamente á música para facer fincapé da comuñón entre dous territorios como Galicia e Portugal. Dous días, dous recitais no que nunha xornada terá protagonismo a música galega e, 24 horas despois, a do país veciño.

Sondeseu foi o encargado de abrir o evento. Arredor das 22:30 horas, o público agardaba xa para gozar coas primeiras notas dos temas dun dos mellores grupos do panorama galego. O recital tamén se lembrou das vítimas da explosión de Paramos. O Concello habilitou unhas urnas para que a xente colaborase nesta nova acción solidario cos afectados da explosión que chegou a acabar coa vida de dúas persoas.

Tralo recital da banda formada en Vigo, este sábado 7 de xullo, tamén na rúa Compostela, será o momento no que a música lusa encha o escenario tudense da man da cantora Teresa Salgueiro. A que fora voz do grupo Madredeus, chegará a Tui co seu “o horizonte e a memória” onde Salgueiro presenta a mellor tradición musical de Portugal.

A lisboeta é unha figura chave no panorama musical do país veciño dende que en 1987, con soamente 17 anos, iniciara a sua carreira profesional con Madredeus, con quen gravaría nove discos como vocalista.

No seu concerto na celebración do Pacto de Tui, Salgueiro levará aos asistentes a través dun percorrido intimista, máxico, por veces escuro e sempre emotivo.

A iniciativa parte do goberno municipal co gallo de empregar a “música como elemento de fusión entre dúas culturas, que parten da mesma raíz, a galaico-portuguesa”, nas verbas do concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría.

A celebración busca, segundo o alcalde, Carlos Vázquez Padín, que “Tui conte cunha gran celebración no verán” á vez que se “pon en valor e de manifesto unha efeméride como o Pacto de Tui”. “Moi poucas cidades en Europa poden presumir de que se asinase nesa cidade un pacto de gran relevancia histórica”, explicou.

Salir de la versión móvil