O pasado luns 29 de novembro inaugurouse na sede da Deputación en Vigo a exposición "Espazos Roubados. Subversión!" de Isabel Blanco, que pretende reivindicar a invisibilización e a escasa participación das mulleres en diferentes ámbitos profesionais. A mostra, composta por unha serie de manequíns femininos, poderá visitarse na sala Rosalía da sede provincial ata o próximo 7 de xaneiro de 2022.
"Espazos Roubados" está protagonizada por trece manequíns, que representan a figura da muller, acompañadas con paneis e datos onde se remarca a escasa representación das mulleres nunha selección de trece sectores profesionais. Por exemplo, algúns dos datos que se poderán descubrir nesta proposta son que no sector da construcción o 8,2% son traballadoras, na extinción de lumes as mulleres representan un 0,83% do total da profesión ou que tan só dez mulleres conduciron un coche de Formula 1 dende 1950. Os outros eidos elexidos pola artista para ser representados na exposición son a música rock, o fútbol americano, a robótica e a tecnoloxía, a dirección de orquestra, a dirección de cinema, a mecánica e a automoción, a pilotaxe de aviación comercial ou a astronática.
Co obxetivo de representar os "espazos roubados" as manequíns aparecen sentadas, en posición de espera e cun traxe que as identifica xunto a unha fotografía que amosa a realidade do eido laboral. Amais, toda a exposición está acompañada dunha intervención sonora, da propia Isabel Blanco, na que se afonda nas desigualdades que sofren an mulleres.
No acto de presentación da mostra estiveron presentes Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Isabel Blanco, a creadora, e a actriz e directora Mariana Carballal que foi a encargada de exercer de guía polo recorrido a través dunha permorfance. Cunha homenaxe á escritora Almudena Grandes, a presidenta da Deputación reivindicou que "precisamos poñer o aceno nos espazos roubados ás mulleres para rachar cos teitos de cristal e chans pegañentos que se impoñen ás mulleres no eido profesional, laboral e intelectual". Ademáis, recordou que "hai profesións totalmente masculinizadas, cun 80% ou máis de homes exercéndoas e ás que as mulleres non poden acceder en igualdade de condicións".