Dakidarría anuncia as primeiras datas da súa xira tras o lanzamento do seu novo disco 'Colaxe'. A banda galega, un referente da música contestataria do país, volve aos directos atrevéndose tanto coas salas pequenas como cos grandes festivais.
Colaxe é o sexto disco de estudio de Dakidarría onde o grupo percorre as diversas influencias musicais que o fixeron medrar e chegar ata o presente nun estado de forma envidiable tras 18 anos de carreira.
Con ampliación da súa formación, a agrupación musical retoma a estrada neste 2022 para descargar a emoción, a enerxía e a adrenalina dos seus concertos en todos os lugares que sexa posible. Novas caras que darán máis fluidez e dinamismo a un show que, se antes era incendiario, agora pasa a ser explosivo. Un combo que pretende arrasar os palcos e que vai deixar pegada na escena musical galega.
Sobre Dakidarría
Logo de 18 anos dende a súa formación e unha bagaxe máis que interesante de discos e concertos, podemos etiquetar a Dakidarría como unha banda histórica no panorama galego e estatal. Acadan a maioría de idade mentres ultiman o lanzamento do seu sexto disco de estudo “Colaxe” posicionándose como a banda de referencia no eido da música contestaria galega.
Dakidarría fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a través da complicidade, forza e sinceridade das súas revolucionarias letras, nas que se chegan a incluír ata doce linguas diferentes. O seu prato forte son os directos, atrevéndose tanto con pequenas salas como con grandes festivais. Demostraron en cada xira que o seu é a festa encima e debaixo do escenario.
Sobre "Colaxe"
Colaxe’ conta con numerosas colaboracións de bandas e músicos como Boikot, Evaristo (La Polla Records), Inadaptats, High Paw, Xavi Solano (Esne Beltza), En Tol Sarmiento, Menina Arroutada e algunhas máis... pero destaca especialmente neste senso a canción “Pobo de Artistas” onde a banda, en coautoría con Tanxugueiras e O Rabelo, pon en valor a escena musical galega actual cantando xunto a case 100 grupos e artistas do país.
O disco foi gravado en "A carpintería", estudio de gravación que Dakidarría abriu o pasado ano e polo que xa pasaran algunhas bandas a rexistrar a súa música. Mesturouse e masterizouse en “Santa Cruz Recording Studios” de Oleiros por Alber Castro, técnico de son da banda dende hai máis dunha década.
Primeiras datas 'Colaxe Tour'
- 07 ABRIL, SALA JÄGGER, LUGO
- 08 ABRIL, TBA, ASTURIES
- 09 ABRIL, SALA KARMA, PONTEVEDRA
- 06 MAIO, MASTER CLUB, VIGO
- 07 MAIO, SALA MALATESTA, SANTIAGO de COMPOSTELA
- 27 MAIO, OUREN SOUND, OURENSE
- 11 XUÑO, ASTUDILLO PUNK ROCK, ASTUDILLO [PALENCIA]
- 23 XUÑO, RACÒ MAREAROCK, ALACANT
- 24/25 XUÑO, ANTIFA ROCK, JUNEDA [LLEIDA]
- 23 XULLO, TRESPA ROCK, TRESPADERNE [BURGOS]
- 20 AGOSTO, ABEJA ROCK, BÉJAR [SALAMANCA]
- 12 NOVEMBRO, SALA COPÉRNICO, MADRID