A Orquesta Clásica de Vigo homenaxea aos pioneiros con “Miradas”, a súa nova proposta musical

Publicidad

A Orquesta Clásica de Vigo presentou o pasado venres a súa nova tempada, un ciclo de tres concertos de música sinfónica que terán lugar no Teatro García Barbón. A tempada preséntase baixo o título “Miradas”, que supón unha homenaxe ás nosas avoas e aos nosos avós. Unha volta á esencia para recoñecer o traballo deses xigantes que nos precederon e que confuguraron o que somos hoxe en día. Unha das novidades do curso da Orquesta Clásica de Vigo é que a formación dividiu a tempada en dous semestres para facer o abono máis accesible e flexible para o público.

Con este 2020 arrinca a tempada 20.1 da Orquesta Clásica de Vigo baixo o título Miradas, nunha programación composta por tres concertos que terán lugar no Teatro García Barbón de Vigo onde diversidade e complexidade, señas de identidade que definen o noso mundo, están presentes. Baixo esta premisa, a tempada enténdese como un único fío conductor no que se coonxugarán obras de distintos estilos e autores para ofrecer unha lectura única da música sinfónica.

En marzo buscarase tecer pontes entre dous artistas moi distantes: o Concerto para piano e orquestra de Grieg, interpretado pola pianista galega Berta Fresco. Completarase o programa co Sombrero de Tres Picos, de Manuel de Falla. En abril tócalle o turno ao clasicismo, ofrecendo unha lectura que contraste a Haydn con Mozart, artista do que interpretaremos o Concerto para Arpa, Frauta e orquestra da man do dúo de artistas locais Marta Comesaña e Alba Barreiro. Un concerto único no que destacarán estes dous instrumentos tan singulares.

En maio, pecharase a tempada 20.1 por todo o alto interpretando o Concerto para Violoncello e Orquestra de Elgar, para este proxecto contarase co prestixioso violonchelista internacional Guillermo Pastrana, e a Sinfonía Italiana de Mendelssohn. Ademais todos os concertos contarán cunha abertura de Beethoven, autor do que celebramos o 250 aniversario do seu nacemento. Búscase así evitar a saturación típica das celebracións pero sen esquecer ao mestre universal. Por último, cada un dos tres concertos contará coa estrea das obras gañadoras do concurso CreaClásica 2019, organizado pola Orquesta Clásica de Vigo en colaboración coa Fundación SGAE. Tras o verán e os concertos de rúa, a Orquesta Clásica de Vigo volve ao teatro en outubro coa Tempada 20.2.

As entradas para toda a tempada están á venda na web de Ataquilla e na Sede de Afundación. Ademais existe a posibilidade de mercar o abono para a tempada 20.1 por un prezo de 40 e 20 euros para os menores de 30 anos. O abono está a venda tanto na web da Orquesta Clásica de Vigo como en Discos Elepé e na Librería Versus. Para todos os concertos existen descontos de última hora para menores de 30 anos con entradas a 5 euros en taquilla para facilitar o acceso de novos públicos á música sinfónica.

Salir de la versión móvil