Para ver en pantalla de cinema a película 20.000 especies de abellas, seleccionada entre as tres precandidatas de España para a vindeira edición dos Oscar, o lugar é o FICBUEU. E hai unha única oportunidade: mañá. A longametraxe, escrita e dirixida pola realizadora alavesa Estibaliz Urresola, proxectarase na noite deste sábado ás 21:30 horas no Centro Social do Mar (Bueu). O filme será exhibido tan só dous días despois da súa preselección para os Premios.
O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que arranca hoxe, apostou hai meses por incluír na súa programación esta cinta ambientada no País Vasco que supón un realista, delicado e emotivo rexistro da infancia dunha nena trans e do proceso de asimilación na súa familia. O filme e converteuse nos últimos meses na película revelación do ano.
20.000 especies de abellas arrasou no Festival de Málaga e a súa protagonista, Sofía Otero, de 8 anos, acadou o premio á mellor actriz en Berlín. A entrada á proxección custa 3 euros. Pode mercarse na tenda en liña do Festival ou no despacho de billetes do FICBUEU dende unha hora antes da proxección . Na presentación da película no FICBUEU estará a directora de arte da película, Izaskun Urkijo, quen tamén traballou con Estibaliz Urresola na curtametraxe Pó somos (2020).
Antes, ás 19:00 horas, Urkijo participará nun encontro co público do Festival sobre a película para falar do traballo visual, estético e escenográfico que realizou nesta multipremiada longametraxe. Será na Sala Multiusos do Centro Social do Mar.
Xornadas cinematográficas
A proxección da longametraxe será o peche das II Xornadas Cinematográficas que organiza o FICBUEU. As apostas do certame pola reflexión e pola divulgación do cinema e a cultura están detrás destas Xornadas. Trátase dun día adicado á aprendizaxe e ao intercambio de ideas.
A xornada comezará ás 10:30 horas na Sala Multiusos cunha clase maxistral a cargo da investigadora e profesora Nieves Febrer. Baixo o título O cotizan, entorno e artificio, Febrer centrarase no concepto do cotián e a súa construción visual a partir de obras de diversos artistas e cineastas.
Ás 12:30 chega a conversa A estética do cine sensible, o realismo e a cotidianidade no cinema. A crítica e xornalista Andrea Morán e máis a investigadora e colaboradora da Revista Caimán Cuadernos de Cine, Daniela Urzola, abordarán cómo é o retrato da vida cotiá no cinema a través da obra de distintas autoras e autores. Seleccionando creadoras e creadores referentes no cine sensible, explorarán como se manifestan estes temas e aspectos nas súas obras audiovisuais.
Na tarde, as II Xornadas Cinematográficas do FIC continuarán abordando as particularidades e implicacións narrativas e estéticas do cinema sensible e cotián nun encontro sobre a obra dun dos referentes neste tipo de filmes, o director xaponés Yasujiro Ozu. No encontro participan con Santos Díaz como moderador, a Marta Peris, autora da tese La casa japonesa a través del cine de Yasujiro Ozu, o catedrático Antonio Santos, especialista en cine xaponés e asiático e autor da tese Elogio del silencio: Yasujiro Ozu en los tiempos de estruendo (1903-1963) e o profesor Jordi Puigdomènech, investigador e eutor de obras como Yasujiro Ozu, el tiempo y la nada, entre outras.
No encontro con Izaskun Urkijo, xa ás 19:00 horas, a directora de arte de 20.000 especies de abellas falará sobre o seu papel na creación estética da película centrándose na creación e planificación estética do filme. A tamén directora de arte Elia Robles, quen participou en filmes coma Ons ou Melancolía, dirixirá este encontro. Será xusto antes da protección do filme. Na parada buenense de 20.000 especies de abellas no seu camiño cara os Óscar