En pleno ecuador primaveral, chega o momento de celebrar a volta do bo tempo, das paisaxes cheas de flores e da chegada dos primeiros froitos das nosas árbores. A Praza do Berbés, no casco vello de Vigo, acollerá este domingo, día 13, a Festa dos Maios, a popular exaltación da natureza coa creación de figuras a partires de xestas, flores ou froitos.
A Asociación Cultural e Veciñal do Casco Vello, en colaboración co Concello e a Deputación, prepara para a xornada dominical unha cita especialmente destinada para os mais cativos con obradoiros infantís dende as 10:30 horas centrados na experiencia dos Maios e do respecto pola natureza.
Ás 12:00 horas, será a quenda do grupo de animación Codia e Miolo, encargados de facer voar a imaxinación da rapazada cos seus contos contados.
Pola súa parte, a música soará ás 13:00 horas coa actuación da escola de baile tradicional infantil do Casco Vello e ás 17:00 horas coa actuación da banda de gaitas do Casco Vello.
Porén, será ás 18:00 horas cando teña lugar o acto central da xornada coa representación dramatizada dos Maios, que finalizará coa actuación do grupo musical Os Viqueiras.