Moaña Antiqua: unha viaxe no tempo na primeira festa de época do verán

Publicidad

O pasado sábado 8 de xuño a parroquia moañesa de San Martiño xa facía a súa primeira viaxe no tempo neste 2019. Foi un simple petisco, un anticipo do que acontecerá entre o 28 e 30 deste mes. Volve Moaña Antiqua. Posiblemente, a primeira gran festa de época que se celebra no verán na provincia de Pontevedra.

O municipio morracense acolle unha nova edición deste evento que permitirá aos asistentes viaxar ao medievo e gozar do mercado de artesanía, dos postos de comida (no que este ano destaca a proposta do xamón asado e outro de cervexa e sidra artesá) e un amplo programa de actividades destinado para os públicos de todas as idades.

O Moaña Antiqua comeza este venres 28, ás 19:30 horas, coa apertura da feira. Nesta primeira xornada de festa, as e os asistentes que se acheguen ata San Martiño poderán gozar co pregón e monólogo de Isabel Risco, máis coñecida como “Nabiza Girl” ás 21:15 horas. Pouco despois, a festa proseguirá co concerto de Pelepau ás 22:30 horas.

Coa chegada xa da fin de semana, a festa de época terá o sábado como prato principal o espectáculo de lume “Subumbra” que representará a compañía Troula Animación dende as 22:30 horas. No sábado, o público, poderá desfrutar do mercado -que abrirá ás 11:00 horas- das xustas a cabalo que correrán a cargo de “ADOC Caballeros de Moaña” ás 19:00 horas.

O colofón do Moaña Antiqua chegará o domingo 30 de xuño con propostas moi variadas. Unha das máis interesantes terá lugar ás 11:00 horas. Os máis madrugadores poderán facer o Roteiro de San Martiño, unha actividade que levará a cabo a Asociación Illa dos Raros. Outros dos eventos destacadas no peche da festa moañesa será a loita de escudos de “ADOC Cabaleiros de Moaña”.

Por outra banda, Moaña Antiqua programa para o sábado e para o domingo diferentes obradoiros e actividades destinados para a cativada como os talleres infantís de cerámica e olería tradicional (11:30-13:30 e 16:30-19:30), obradoiros infantís. Xa a nivel máis temático, os máis pequenos poderán participar en horario de tarde do sábado no obradoiro de escritura medieval, lacrado, xilografía e acuñación de moedas que correrá a cargo de Mátracala (17:00-19:00) mentres que o domingo, tamén no mesmo horario, as actividades infantís as realizará a Asociación Illa dos Ratos.

Nesta edición de Moaña Antiqua, os máis supersticiosos poderán manter un novo encontro coa Pitonisa Felisa, que abrirá a súa “consulta” tanto o sábado como o domingo en horario de 19:00 a 21:00 horas.

https://www.youtube.com/watch?v=OapkfiZXVGA

O Moaña Antiqua conta cunha zona de lecer para xantar na carballeira da contorna da Rectoral de San Martiño. Todas as actividades da programación son de balde. O mercado abrirá a fin de semana dende as 11:00 horas e pechará o sábado arredor da medianoite e o domingo 30 de xuño ás 23:00 horas.

A festa de época está organizada pola Festa Medieval de San Martiño e o Concello de Moaña. Neste evento tamén colaboran a A.V. San Martiño, ADOC Cabaleiros de Moaña, Agrupación Cultural Moañesa de Música e Danza, Asociación de Mulleres de Moaña e Xunta de Montes en Man Común de Moaña.

Salir de la versión móvil