A quinta onda da COVID provoca a suspensión do Encontro de Embarcacións en Moaña

Publicidad

Noticias tristes en Moaña. Un dos eventos máis esperados do ano, o Encontro de Embarcacións Tradicionais, suspéndese. O cambio de situación epidemiolóxico da vila morracense, pasando dende as 00:00 horas deste sábado ao nivel alto de restricións, provoca que o comité organizador do evento considere “que non se dan as circunstancias favorables para desenvolver con plenas garantías” a cita.

A organización destaca que leva “máis dun ano traballando no evento”, intentando “por todos os medios e ata o último momento” celebrar o Encontro de Embarcacións Tradicionais, unha cita que “contribuiría a dinamizar a economía local, a que Moaña desfrutase da cultura e do patrimonio marítimo pesqueiro galego, a mostrar a quen nos visitase a nosa esencia de vila mariñeira”. Se embargo, a situación sanitaria obriga ao comité organizador a adoptar esta “decisión difícil e complexa”.

“Somos conscientes de que hai tripulacións e delegacións que xa están en camiño, persoas voluntarias comprometidas coa celebración, colectivos e entidades colaboradoras, por iso lamentamos as molestias que lles poida ocasiones”, aseguran desde o comité organizador desta gran festa do mar que ía chegar a Moaña do 5 ao 8 de agosto.

O comité organizador do evento expresa o seu agradecemento “a todas as persoas, entidades e patrocinadores” desta edición polo seu compromiso e a súa colaboración.

Salir de la versión móvil