En 24 horas esgotáronse as prazas para a quinta das rutas ornitolóxicas previstas na sexta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife, e que se desenvolverá o vindeiro 4 de xuño na praia da Lanzada, nos concellos de Sanxenxo e O Grove. A cita recibiu numerosas peticións e amais das prazas, completouse una ampla lista de agarda.
O obxectivo deste programa provincial é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica do territorio e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Neste caso, a Praia da Lanzada é un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave en perigo que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Nesta praia, usando telescopios e prismáticos e mantendo unha distancia prudencial, mostraránselles as persoas participantes da xornada os niños protexidos con gaiolas e balizados, e as formas de píllaras cos seus adorables poliños que corrican pola area. Así mesmo, explicaránselles os problemas cos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos nosos areais. A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra.
Despois da Lanzada, o programa continuará coa ruta polo Estuario do río Miño, que terá lugar o día 8 de outubro neste espazo do concello da Guarda. As inscricións abrirase o día 25 de setembro e as persoas interesadas poderán anotarse no formulario que atoparán na web provincial. Posteriormente, “Voando nas Rías Baixas” celebrará o 26 de novembro a última das rutas deste 2023, pola Enseada de San Simón (concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra). A inscrición abrirase o 13 de novembro.