A rapazada de Tomiño sae ó escenario coa volta da súa particular "Operación Triunfiño"

Publicidad

Tras o éxito da súa primeira edición, a OMIX de Tomiño volve poñer en marcha "Operación Triunfiño", unha experiencia formativa coa que estimular o crecemento e desenvolvemento artístico da mocidade tomiñesa. Rapaces e rapazas tomiñesas mergúllanse esta semana nunha experiencia de formación musical única cun completo programa de tres obradoiros no que aprender técnica vocal, desenvolver a súa actitude escénica e ampliar o seu repertorio, fomentando o talento local e brindando unha oportunidade a novas promesas. Estes obradoiros terán lugar os días 11, 12 e 13 de xullo de 10:00 a 13:30 horas no Mercado de Goián.

A actividade foi acollida dende o primeiro día con emoción e ilusión por parte dos oito rapaces e rapazas que tomarán parte dela, motivados a seguir aprendendo e poder compartir a súa paixón pola música, xerando grandes vínculos entre todos eles e elas e converténdose nunha gran familia musical.

En palabras da alcaldesa Sandra González, “é un orgullo poder brindar ás nosas e nosos novos talentos unha plataforma que lles dea visibilidade e unha experiencia única moi enriquecedora. Coa nosa particular ‘Operación Triunfiño’ promovemos a música e a arte como ferramentas para o desenvolvemento persoal e a expresión creativa”.

Un gran punto e final a unha semana de aprendizaxe musical

O proxecto rematará cun gran concerto final o domingo 16 de xullo no que a rapazada participante amosará todo o aprendido durante a súa formación. Aberto a todos os públicos, as e os asistentes poderán desfrutar dunha peza cantada a coro e unha individual por cada persoa participante na experiencia escollidas por elas e eles mesmos.

O espectáculo final terá lugar a partir das 11:00 horas na Carballeira de Goián, ou no auditorio municipal no caso de choiva, con entrada libre.

Salir de la versión móvil